Resiste o Teucro pero remata cedendo (27-26) no derbi ante o Octavio
Por Redacción
Toca cambio de obxectivo. Perdidas as esperanzas de loitar polo ascenso, a derrota do Teucro no derbi provincial fronte ao Academia Octavio deixa os de Javier Barrios pendentes de certificar a permanencia sen ter que afrontar unha complicada liguilla a tres, na que só un sae airoso.
Os azuis deron a cara. Estiveron no partido ata o asubío final. Mandaron en boa parte do primeiro período, cunha máxima renda de tres goles, e mesmo despois da reacción viguesa, conseguiron chegar por diante no marcador (24-25) a falta de seis minutos. Pero non sería suficiente. Os de Quique Domínguez remontaron e aínda que o Teucro conseguiu nivelar novamente o marcador (26-26), un gol de Alberto Casares sentenciaría o resultado, a falta de tres minutos.
Eses tres minutos finais foron de nervios e emoción. Ningún equipo conseguiría mover o marcador. O Teucro dispuxo da última posesión para lograr o empate, pero o porteiro olívico, Jorge García Lloria, detivo o lanzamento visitante, a falta de tres segundos para o final.
Con este resultado o Academia Octavio segue aspirando a clasificarse para disputar a fase de ascenso, mentres que o Teucro terá dentro de quince días no Municipal pontevedrés unha auténtica final fronte ao Handbol Bordils, para eludir os postos comprometidos e pechar unha tempada que se lle fixo moi longa sen máis sobresaltos.
ACADEMIA OCTAVIO (27): Jorge García Lloria; Gonzalo Carro (1), Alberto Casares (6), Pablo Chantada, Fran González (9), Marcos González, Germán Hermida (1), Daniel Hernández (3), Pablo Lorenzo (3), Eduardo Moledo (3), Víctor León (1) e Manuel Martínez.
SD TEUCRO (26): Dani Cadilla, Héctor Gil; César Armán (3), Marcos Dorado (3), Borja Pedreira (3), David García Pichel (5), Tomás Moreira (6), Carlos Pombo, Alejandro Pombo, Miguel Porto (1), Víctor Rodríguez (2), Miguel Sío (3) e Aser Costal.
Árbitros: Vanesa Pérez Domínguez e Marcos Pérez Outeda (Galicia). Excluíron por dous minutos a Alberto Casares, Germán Hermida (2) e Daniel Hernández, polo conxunto local, e a César Armán (2), Marcos Dorado e Víctor Rodríguez, polos visitantes.
Marcador (Cada cinco minutos): 1-1, 4-5, 7-8, 8-11, 10-12, 11-14 (descanso), 15-17, 19-18, 22-19, 23-22, 25-25 e 27-26 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de As Travesas (Vigo). Uns 550 espectadores.