Dous erros defensivos cústanlle o partido ao Poio FS (1-2) ante o Cidade de As Burgas
Por Redacción
Non foi o mellor partido do Poio FS. Demasiados erros, demasiadas concesións a un contrario máis necesitado, levaron á derrota ás rapazas que adestra Marcio Santos, que deberán esperar polo menos unha semana máis para certificar matematicamente a súa permanencia na máxima categoría do fútbol sala feminino.
Nada máis iniciarse o partido chegaba o primeiro erro local que permitía un roubo de balón do cadro ourensano, cun rápido contraataque finalizado por Iria.
As "rojillas" intentaron reaccionar facéndose co control, pero sen demasiada profundidade no seu xogo. Claudia, en xogada persoal, conseguía o empate, superando a porteira visitante, pero a alegría da afección local apenas duraría uns segundos, xa que nada máis sacar de centro, en xogada combinada, Vanessa conseguía desnivelar de novo a balanza a favor das visitantes.
Na segunda parte, o Poio seguiu fiando a súa sorte á súa maior posesión. Co paso dos minutos optaba por subir a presión, ante un Cidade ben pechado atrás que intentaba sentenciar nunha contra e que de feito tivo opcións para facelo, ante a falta de acerto local nos últimos metros.
POIO FS (1): Silvia; Charo, Claudia, Ceci, Kiko -cinco inicial-, Pomba, Yoly, Peke, Elena e Nerea.
CIDADE DE ÁS BURGAS (2): Ana; Peque, Sonia, Iria, Vanessa -cinco inicial-, María Arias, María Romero e Nerea.
Árbitros: Villanueva Blanco e Darriba Villamor (Lugo). Amoestaron a Peke, polo conxunto local, e a Iria e María Arias, polas visitantes.
Goles: (0-1) Minuto 1: Iria. (1-1) Minuto 15: Claudia. (1-2) Minuto 15: Vanessa.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Case cheo, cuns 550 espectadores.