Víctor Riobó e Leticia Fernández, gañadores da II edición da carreira popular de Monte Porreiro
Por Redacción
Víctor Riobó e Leticia Fernández foron os gañadores da II edición da carreira popular de Monte Porreiro, a segunda proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP). A calor foi o protagonista dunha carreira que logrou congregar 377 corredores, unha cifra superior á rexistrada na carreira popular de San Brais, celebrada o pasado mes de febreiro e coa que comezaba a edición de 2014 deste circuíto.
O marinense Víctor Riobó foi o dominador dunha carreira táctica na que os favoritos destacáronse xa dende a primeira subida, á altura da UNED. Así, acompañado de Iván Docampo, José Antonio Ramallo e Rafael Fuentes, prantouse na segunda volta deste esixente percorrido para chegar destacado á recta do mirador e superar aos seus rivais con certa comodidade.
O segundo posto foi para Docampo, gañador en San Brais, e o terceiro para Ramallo, aínda un tanto lastrado por unhas molestias e o cansanzo de ter competido a semana anterior no Campionato de España de 10.000 en Padrón e o medio maratón Vig-Bay.
Os tempos foron máis que aceptables e o gañador parou o crono en 25 minutos e 17 segundos, cun paso medio por quilómetro de 3,10, realmente rápido para os 8 quilómetros do trazado de Monte Porreiro, un sube e baixa marcado pola dureza e moi especialmente pola costa da rúa de Dinamarca por detrás do Mirador, onde as pulsacións chegan ao máximo. A correcta sinalización de todos os pasos quilométricos axudou tamén a regular as forzas.
En mulleres foi Leticia Fernández a primeira en cruzar a meta, cun meritorio tempo de 30:29, seguida de Barca Toba e María Figueroa.
O espírito da carreira de Monte Porreiro traduciuse tamén na habitual entrega de trofeos aos corredores que competiron na modalidade de parellas. Tamén houbo moita presenza dos equipos máis populares da provincia, entre eles os Veteranos de Galicia, o Pinarium de Marín, o CAR de Redondela, o Run Galicia e o Miler.
A Asociación de Veciños de Monte Porreiro entregou chocolate quente e roscón a todos os participantes, e tamén ao numeroso público que se achegou ata a zona de meta.
O magnífico ambiente deportivo foi o auténtico protagonista da mañá, aínda que a calor e a dureza da carreira deu tamén un pequeno susto cando un corredor tivo que recibir atención médica, e posteriormente foi trasladado a un centro sanitario como medida de precaución. A organización dispuña de dúas ambulancias, polo que déuselle unha atención inmediata.
O CCCP volve ao calendario atlético pontevedrés no mes de xuño coa celebración da Ponte Noite, carreira nocturna na que é posible correr a distancia oficial de 10 quilómetros, pero tamén unha versión reducida de 5 quilómetros. Será a última ocasión para inscribirse no CCCP, pois as súas puntuacións están integradas polo ránking acadado en catro das seis carreiras do circuíto.
Relacionadas:
-
Campañó prepárase para a sétima edición da súa carreira pedestre
Por Diego Espiño |
-
Iván Docampo, máis líder do CCCP tras un cómodo triunfo na carreira do Santiaguiño do Burgo
Por Alejandro Espiño |
-
Todo a punto para a carreira popular de Santiaguiño do Burgo, proba que se incorpora ao circuíto CCCP
Por Alejandro Espiño |
-
'Run for Parkinson's': A segunda edición da PonteNoite 5+5 aposta pola acción social
Por Diego Espiño |
-
Monte Porreiro prepárase para a segunda edición da súa carreira pedestre
Por Diego Espiño |