As sancións deixan o Pontevedra en cadro
Por Ramiro Espiño
Confirmáronse as previsións que apuntaban a problemas para Manu Fernández de cara ao próximo e transcendental partido de liga do domingo, ante o ÿrdenes. O Pontevedra perde a Benja, Yago Vázquez e Tubo por sanción federativa como consecuencia das tarxetas recibidas na pasada xornada en Negreira.
Así decidiuno a xuíza única de competición, Inés Pequeño, que confirmou a acumulación de amoestacións para Yago Vázquez e Tubo, desestimando ademais as alegacións presentadas polo club granate no caso de Benja, achegando un vídeo da acción co xogador do Negreira, Diego Otero, que lle custou a segunda amarela, e por conseguinte a expulsión.
En consecuencia, os tres xogadores foron sancionados cun partido de suspensión, uníndose así a Pablo Lede, que cumprirá a súa cuarta e última xornada de castigo, co que todos eles poderán volver ao equipo no desprazamento a Boiro.
Pola contra, quen poderá volver ao equipo o domingo será David Feito, tras cumprir a sanción dun partido recibida como consecuencia da súa expulsión en Cerceda.
Aínda así, Manu Fernández deberá retocar tanto a liña defensiva coma o ataque. Para a zaga as opcións son a volta de Miguel, ou ben situar Caco como central, mentres que as ausencias de Tubo e Benja teñen como candidatos a Fran Fandiño, con Luismi na esquerda, ou ben Kevin Levis como titular de inicio, acompañando a Pablo Carnero en punta.
O xoves, no amigable fronte ao Villalonga, en San Pedro (18:00 horas), o técnico poderán aproveitar para ensaiar as distintas alternativas.
REBAIXA NO PREZO DAS ENTRADAS
O Concello de Administración do Pontevedra rebaixou o prezo das entradas para o choque ante o ÿrdenes, que pasarán a custar 10 euros en Tribuna, 8 en Preferencia e 5 nos fondos (4, 3 e 2 euros para os júniors).
Ademais o desconto do 50% nas entradas que compren os socios da entidade prorrógase ata o mesmo día do partido.
Relacionadas:
-
Tres puntos vitais para o Pontevedra en Negreira (0-1) con suor, sufrimento e en inferioridade
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada