O Erizana-Marcón remata con seis expulsados e denuncias por agresión ante a Garda Civil
Por Diego Espiño
Corría o minuto 72 de partido, co Erizana gañando por dous goles a un, cando unha xogada que podía parecer illada e que supuxo a expulsión por vermello directo do pontevedrés Racha, concluíu con outros cinco expulsados, o partido suspendido e denuncias por agresión ante a Garda Civil.
Segundo explican desde a directiva do Marcón, as mozas de tres xogadores do club que se atopaban nunha esquina do campo terían increpado ao árbitro a raíz desta acción, uns improperios que provocaron a reacción dun afeccionado local ao entender que se dirixían a un dos xogadores do Erizana.
Este home aproximouse ás mulleres e, sempre desde a versión da entidade pontevedresa, propinou unha labazada a cada unha das tres e a unha delas "la agarró por el pelo lanzándola contra la valla".
Cinco futbolistas subiron á bancada a intentar parar o tumulto, sendo expulsados por iso
Ao decatarse da situación varios futbolistas subiron á grada para intentar parar o tumulto. Foron o guardameta Joaquín e os xogadores Álvaro, Sapi, Fernando e Diego Riveiro.
Todos eles foron expulsados por esta acción e o encontro, unha vez recobrada a normalidade, suspendido "vendo en perigo a integridade física do trío arbitral", segundo reflectiu a colexiada María Eugenia Gil nun acta arbitral que a media tarde do luns aínda non estaba pechada.
O club pontevedrés temeu que a suspensión puidese levar consigo unha sanción en forma de puntos, o que podería deixar sen validez o ascenso logrado hai pouco máis dunha semana no Carrasco, pero a redacción inicial do acta non indica que vaia a ser así.
Este risco existía si o partido se dera por finalizado por quedarse con menos de sete xogadores sobre o campo, situación que se sanciona no reglamento coa perda de puntos, pero o feito de que tanto Fernando como Diego Riveiro se atopasen nese momento no banquiño e non no terreo de xogo fai que os pontevedreses tivesen aínda sete futbolistas aptos para seguir disputando o choque.
O parte de lesións dunha das rapazas reflexa mazaduras e unha escordadura cervical
O xoves coñecerase o dictame do comité de competición, que si recollerá as sancións aos xogadores do Marcón e segundo apuntan desde a Federación Galega de Fútbol, é posible que algunha penalización económica ao club, aínda que este extremo dependerá da redacción final do acta. Ademais deberá fixar se o partido dáse por concluído ou polo contrario deben xogarse os minutos que restan.
Estes feitos concluíron coa presentación de denuncias cruzadas, por parte do home no posto da Garda Civil de Baiona, e por parte das mulleres na Comandancia de Pontevedra, ambas por agresión. Ademais a noiva dun dos futbolistas presentou un parte de lesións no que se recolle que sofre diversas mazaduras e unha escordadura cervical.
Desde o club pontevedrés quixeron resaltar ademais que os incidentes limitáronse ao acontecido na grada, pois o trato do Erizana e dos seus xogadores cos membros do Marcón "fue en todo momento correcto".