O segundo partido da final galega entre Galaico e Coruña, suspendido por un puñazo ao porteiro local
Por Redacción
Faltaban seis minutos para a conclusión do partido, co Club Natación Coruña gañando por un gol na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Club Waterpolo Galaico, cando unha acción que rematou en gol para os visitantes supuxo tamén a suspensión do choque, segundo partido da final galega.
Segundo relata o equipo pontevedrés un xogador do Coruña golpeou o porteiro local, Pablo Seoane, na cara arrancándolle un dente no que entenderon como unha agresión.
Os colexiados deron validez ao tanto ao non se decatar da situación pero tras atender ao xogador, que tivo que acudir ao hospital, o partido rematou por adiarse.
Queda así no aire a resolución do título da Liga Galega de Primeira División, pois un triunfo dos coruñeses supoñería alzarse co campionato tras impoñerse no primeiro asalto da final.
Agora a Federación Galega de Natación deberá decidir como proceder. Entre as posibilidades, que no día fixado para o terceiro choque da serie, o próximo día 24 tamén en Pontevedra, se poidan disputar os minutos que restan.