Seis minutos para remontar ou despedirse da liga
Por Redacción
A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra retomará este sábado (18:45 horas), a porta pechada, o segundo encontro da final da Primeira División Galega de waterpolo entre Galaico e CN Coruña.
O partido foi suspendido o pasado 10 de maio a falta de 6 minutos e 24 segundos tras un golpe dun xogador coruñés ao porteiro local, Pablo Seoane, que perdeu un dente no incidente.
Ese é o tempo que teñen os pontevedreses para remontar o 6-8 que reflicte no marcador e que daría o título aos herculinos. Se os de Javi de Sáa o logran, o terceiro e definitivo choque disputaríase inmediatamente despois no mesmo escenario, esta vez con acceso permitido do público.
Ademáis, antes do partido, a piscina do CGTD acollerá por primeira vez unha concentración de waterpolo feminino organizada pola Federación Galega de Natación. Será entre as 15:45 e as 18:00 horas.