ÿltimo ensaio en Mareo camiño da final de Portugalete
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Parada a metade de camiño. Máis que un adestramento se trataba de estirar as pernas, desentumecer os músculos e facer máis levadeiro a longa viaxe. A expedición do Pontevedra partía de Pasarón ás 8:00 da mañá e chegaba ás magníficas e históricas instalacións da Cidade Deportiva do Real Sporting de Gijón, a mítica Escola de Fútbol de Mareo, xustamente ao mediodía do sábado.
Nada máis baixar do autobús, xogadores e corpo técnico dirixíronse directamente ao campo número 4 de Mareo. Como todos os deste templo do fútbol, un magnífico campo dotado de cesped natural e en perfectas condicións.
Arredor, centos de nenos das categorías base do equipo asturiano, traballando cos seus respectivos adestradores. Algún dos empregados do club sportinguista aproveitaron para saudar ao granate Pablo Lede, recordando a súa aínda próxima etapa vermella e branca.
Precisamente Pablo Lede é unha das preocupacions de Manu Fernández. Salvo milagre, as súas molestias nas costas, na zona dos glúteos non evolucionan ao ritmo necesario para permitirlle saltar ao campo. Fixo traballo de novo á marxe dos seus compañeiros, con especial atención da fisioterapeuta, Nerea Videira. Ao termo da sesión PontevedraViva dirixiuse ao xogador para interesarse polo seu estado. O seu xesto anticipou a resposta que logo confirmarían as súas palabras "no creo que pueda estar listo para mañana".
Case hora e media de ensaio, a metade de camiño entre traballo e xogos con balón, sen maior esixencia para evitar problemas, finalizando cunha quenda de centros dende a banda e remates a portaría, ademais de volver practicar os lanzamentos dende o punto de penalti.
Nese momento produciuse a única nota negativa, ao ter que abandonar o campo Caco, que se dirixiu á banda con evidente cara de preocupación. A pesar de ser infiltrado a comezos de semana para intentar eliminar unhas molestias case crónicas que ven padecendo no talón de aquiles, durante o quentamento volveu sentir dor, optando por parar, polo que se suma a Pablo Lede nas dúbidas sobre a posibilidade de xogar.
Manu Fernández segue sen descubrir as súas cartas, aínda que nada estrañaría que, ademais do cambio obrigado de Pablo Lede, efectúe algunha variación máis no equipo que saia inicialmente en La Florida (domingo, 11:30 horas). De todos os xeitos, para saír de dúbidas haberá que esperar. O técnico terá que facer seis descartes dos 22 xogadores que despraza a terras bilbaínas: Edu, Paco, Caco, Adrián, Yago Vázquez, Pablo, Miguel, David Feito, Kevin Presa, David García, Moreira, Pedro Crespo, Pablo Lede, Tubo, Fran Fandiño, Tomás, Luismi, Benja, Javi Otero, David Pérez, Kevin Levis e Pablo Carnero.
Rematado o ensaio a expedición dirixiuse a un hotel próximo a Mareo para xantar, continuando logo viaxe ata Santurtzi, onde estaba prevista a súa chegada en torno ás 18:30 horas.