O Super Froiz sobe o podio da Volta a Castellón co terceiro posto de Roberto Mediero
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz asinou unha espléndida Volta a Castellón na que Roberto Mediero logrou a terceira posición na clasificación xeral. Foi despois dunha última etapa na que o seu compañeiro ÿscar González Brea foi segundo na liña de meta de Vistabella tras 126 quilómetros.
Por terceiro día consecutivo a formación alimenticia foi protagonista na rolda castellonenca na que tivo unha grande actuación. "Non puidemos gañar, pero o equipo estivo de dez", recoñeceu Manuel Rodríguez Gil, director do Froiz en terras valencianas.
O Froiz afrontaba a última etapa coas expectativas de poder conseguir a vitoria na clasificación xeral xa que Roberto Mediero se encontraba a poucos segundos do líder e de novo os pontevedreses moveron as súas bazas.
Nesta ocasión o protagonista do Froiz foi o estradense ÿscar González Brea que foi segundo na estapa a tan só catro segundos do gañador, Julen Amezqueta do Seguros Bilbao. Brea mantivo opcións de gañar ata os últimos metros. A boa actuación colectiva confírmase co décimo posto parcial de Roberto Mediero que avantaxou o pelotón.
Tras o sucedido nesta última etapa Mediero rematou terceiro dunha xeral gañada por Arnau Solé del Caja Rural, que o avantaxou en 52 segundos. González Brea rematou quinto a un minuto do gañador. Grazas ao comportamento dos seus corredores o Froiz rematou terceiro na clasificación por equipos.
"Intentámolo e de novo o equipo estivo moi ben. Brea estivo espléndido na escapada e eu tiven as miñas posibilidades", afirmou Roberto Mediero que confesaba que "tiña a ilusión de gañar despois do sucedido o primeiro día, pero creo que o balance é moi positivo".
Tras a rolda castellonenca chegan citas importantes para o conxunto pontevedrés, que afrontará a Voltas á Provincia da Coruña e a das Comarcas de Lugo, que son dous dos principais obxectivos da formación.