Os júnior de Mecos logran a medalla de ouro no LXVIII Campionato de España de Traiñeiriñas
Por Redacción
Mecos demostrou o gran nivel da súa canteira no LXVIII Campionato de España de Traiñeiriñas disputado esta fin de semana en Meira (Moaña). Os do Grove proclamáronse campións en categoría júnior cunha contudente vitoria sobre os seus rivais. Foi o mellor resultado para un equipo que situou ás súas remeiras na cuarta praza na categoría absoluta feminina, aínda que lonxe das medallas.
Os júnior de Mecos non atoparon apenas oposición para facerse coa medalla de ouro. Tras unha saída impecable, puxéronse na cabeza e xa non volveron mirar atrás. Foi unha vitoria aplastante dun equipo formado polos remeiros Daniel Costas, Manuel Caneda, Mateo Garrido, Félix Duarte, Daniel Folgado, Javier Domínguez e Álvaro Álvarez. Gañaron a bandeira con máis de sete segundos por diante de Cabo da Cruz. Terceiro foi Zarautz, a 16 segundos.
A embarcación feminina meca, pola súa banda, non tivo opcións de medalla en ningún momento. Aínda que, entrar o sábado na final xa era un bo premio para elas. Foron cuartas, pero a gran distancia das tres primeiras. A vitoria foi para as anfitrionas de Samertolameu, que foron 58 segundos máis rápidas que Mecos. O podio completárono a traiñeiriña vasca de Koxtape e Chapela, que superou ás do Grove por 34 segundos.
O outro equipo do Grove que competía neste Campionato de España non tivo tanta sorte. Amegrove só se clasificara para disputar a proba absoluta masculina, pero xa o sábado non logrou clasificarse para a loita polas medallas. Na final de consolación foron cuartos, sendo superados ampliamente Tirán, Koxtape e Moaña.