O CN Coruña imponse nas finais da Copa Galega de Waterpolo ante o Galaico
Por Redacción
O Club Waterpolo Galaico non puido alzarse co triunfo na Copa Galega Absoluta organizada este fin de semana polo club pontevedrés no Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños.
O equipo masculino e o feminino perderon as súas respectivas finais ante o CN Coruña despois dunha intensa xornada de waterpolo.
A competición arrancou ás 10:00 da mañá cun duelo entre os dous conxuntos masculinos do Galaico (14-6 para o primeiro equipo) nuns cuartos de final que rexistraron tamén os triunfos de RCN Vigo, CW Umia e CN Coruña ante Ourense, Marina Ferrol e Santiago respectivamente.
En semifinais os locais deixaron na cuneta ao RCN Vigo (16-8) para citarse co Coruña na gran final reeditando a loita polo título de liga, despois de que os herculinos derrotasen ao Marina Ferrol (14-6).
Xa no partido definitivo esta vez a balanza inclinouse a favor do Coruña, ante un Galaico que non se encontrou cómodo e rematou cedendo por 9 a 11.
Pola súa banda, os equipos femininos de ambos os dous clubs disputaron directamente a final, nun partido no que as pontevedresas empezaron mandando de xeito claro (5-1 ao descanso), pero no que acabaron acusando o casancio para ver como lles remontaban o partido (7-8 final).