F.C. Porto revalida título vencendo de novo na final (5-2) ao S.L. Benfica
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
O fútbol dos máis pequeniños celebrou a súa festa anual en Pontevedra, cunha nova edición, a número 16, do "Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín Cidade de Pontevedra", organizada pola E.F. Porteiro 2000 que preside Manolo Sánchez, coa súa man dereita Rafa Sáez, apoiados nun amplo número de colaboradores que conseguen superarse cada ano para nada falle e que os equipos participantes se leven o mellor dos recordos do seu paso por Pontevedra.
Foron de novo 18 os equipos participantes, que se enfrontaron ao longo da xornada do sábado pola tarde e do domingo pola mañá nos campos sintéticos da Xunqueira, para culminar coa gran final, que resultou unha repetición da anterior ediciónº, cos máximos rivais portugueses, F.C. Porto e S.L. Benfica, fronte a fronte.
A vitoria decantouse novamente para os mozos Dragões, que revalidaron o título de campións ao impoñerse na gran final por 5-2 ao seu eterno rival.
Tanto a xornada do sábado como a do domingo foi unha auténtica festa deportiva, con centenares de afeccionados e seguidores de todos os equipos participantes enchendo as instalacións da Xunqueira, onde se habilitaron 3 campos, con disputa de partidos simultáneos.
Os participantes, distribuídos en 3 grupos, xogáronse a clasificación para as semifinais, ás que accedían os campións de cada grupo (Atlético de Madrid, R.C. Celta de Vigo e S.L. Benfica), xunto co mellor segundo, que foi o F. C. Porto.
O F.C. Porto desfíxose do Atlético de Madrid, tras empatar sen goles e impoñerse (3-2) nas quendas de lanzamentos dende o punto de penalti, mentres que o Benfica derrotaba o Celta (3-1), o que daba paso a unha nova final entre os dous equipos lusos.
A EFECTIVIDADE DE CARA AO GOL DECIDIU A FINAL
A gran final, disputada en dous tempos de 15 minutos, resolveuse de forma inesperada moi pronto, aínda que con menos claridade que a que pode indicar o marcador de 5-2. O F.C. Porto logrou tres goles nas súas primeiras tres chegadas á área, cando apenas transcorreran cinco minutos de xogo.
Gui, Félix e Messi poñían no marcador un 3-0 que pesaría demasiado nas botas dos benfiquistas. A pesar diso, o conxunto lisboeta chegaba tanto ou máis que o seu rival, pero con moito menor acerto ante a meta rival.
José Macedo facía o 3-1, que daba certa esperanza de meterse no partido, pero unha xogada desgraciada do porteiro Diogo Aguas, que esvarou ao ir a recoller un balón sen aparente perigo impulsado por Gilbert, significaba o 4-1 con que se chegou ao descanso.
Tras o descanso de novo José Macedo reducía distancias, pero pouco durou a incerteza, porque case a liña seguido Félix facía un dos mellores goles do torneo, poñendo o 5-2 definitivo no marcador e sentenciando o partido para o F.C. Porto, e o título para os "Dragões".
Os partidos e a final foron dirixidos polos colexiados pontevedreses Alejandro Múñiz, Anxo Fariña e Asier Fariña.
ENTREGA DE TROFEOS
O Athletic Club de Bilbao adxudícase o Trofeo á Deportividade
A entrega de trofeos estivo presidida polo Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen acompañaban o Concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, a Deputada provincial Ana Isabel Vázquez, e o Xefe provincial do servizo de deportes da Xunta, Daniel Benavides, ademais doutras autoridades e personalidades do mundo do fútbol e de patrocinadores e colaboradores do torneo, que contou un ano máis coa impecable organización da E.F. Porteiro 2000.
CADRO DE HONRA:
POSTO | EQUIPO |
CAMPIÿN | F.C. PORTO (PORTUGAL) |
SUBCAMPIÿN | S.L. BENFICA (PORTUGAL) |
3º CLASIFICADO | ATLÿTICO DE MADRID |
DEPORTIVIDADE | ATHLETIC CLUB DE BILBAO |
4º CLASIFICADO | R.C. CELTA DE VIGO |
5º CLASIFICADO | ATHLETIC CLUB DE BILBAO |
6º CLASIFICADO | R.C. DEPORTIVO DE A CORUÿA |
7º CLASIFICADO | REAL VALLADOLID |
8º CLASIFICADO | SPORTING DE BRAGA |
9º CLASIFICADO | VICTORIA C.F. |
10º CLASIFICADO | A.D. SAGRADO CORAZÿN |
11º CLASIFICADO | C.D. AREOSA |
12º CLASIFICADO | SALGUEIRIÿOS C.F. |
13º CLASIFICADO | E.F. PORTERO 2000 |
14º CLASIFICADO | C.D. LUGO |
15º CLASIFICADO | GONDOMAR F.B. |
16º CLASIFICADO | CORUXO, F.C. |
17º CLASIFICADO | PABELLÿNC.F. |
18º CLASIFICADO | XUVENTUDE OROSO |
O cadro completo de partidos e resultados pódese consultar aquí.