Os cadetes do Waterpolo Galaico poñen rumbo a Pamplona para participar no Campionato de España
Por Redacción
O Campionato de España Cadete de Waterpolo de 2ª Categoría espera en Pamplona ao conxunto do Club Waterpolo Galaico, que acode á cita coa ilusión de desempeñar un bo papel.
A piscina do Campo de Deportes Larraina de Pamplona será escenario do torneo dende este venres 27 e ata o domingo 29, unha competición á que o club lerezano accede tras proclamarse campión da Liga Galega Cadete.
Os pontevedreses mediranse os equipos de CW Castelló, CW Navarra, CN Moscardó, WP Donostia e Stadium Casablanca nun formato de liga, que outorgará ao campión unha praza para participar no Campionato de España de 1ª Categoría en Zaragoza do 10 ao 13 de xullo.
O Galaico acode á cita cun equipo novo, coa metade dos seus xogadores aínda en idade infantil, e a intención de que adquiran experiencia de cara á próxima tempada, xa que todos eles seguirán o próximo curso na categoría cadete.
O bloque lerezano, que debutará o venres ás 17:00 horas ante o CW Castelló, acode a Pamplona con 13 xogadores: Pablo Sueiro, Juanjo Roca, Iago Facal, Pedro Fentanes, Luis Mosquera, Artai Poses, Juanma Prieto, Aarón Tellería, Rubén Rodríguez, Rodrigo Sobral, Jacobo Baltasar, Pablo Teijeira e Xian Barros, ademais do corpo técnico formado por Javi de Sáa, Enrique García e Juan Rodríguez.