Ponte Muíños xuntará sábado e domingo a 180 nadadores no Campionato Galego Infantil de verán
Por Redacción
Tras a celebración das probas absolutas e júnior en Ourense, chega a hora dos nadadores máis novos dos clubs galegos. A piscina olímpica de ponte Muíños acollerá este fin de semana o Campionato Galego Infantil de verán. 180 nadadores competirán, entre o sábado 12 e o domingo 13 de xullo, por demostrar a progresión que fixeron neste último ano.
En total, participarán 25 clubs de toda Galicia con deportistas de 15 e 16 anos en categoría masculina e de 13 e 14 anos nas probas femininas. O Club Natación Portamiña de Lugo, con 16; a Agrupación Deportiva Liceo da Coruña, con 14; e Mariña Ferrol e Club Natación Coruña, con 12; son os que máis nadadores desprazarán a Pontevedra.
O Club Natación Galaico, anfitrión desta proba, tamén achegará doce nadadores a estes campionatos. Á auga saltarán Carlos Acuña, Juan David Hernández, Daniel Sánchez, Jacobo Moreira, Jorge Gallego e Tomás Bouzas en categoría masculina; e Águeda Cons, Nuria Erselle, Alicia Moreira, Paula Hermelo, Sheila Moldes e Inés Gómez, en categoría feminina.
O obxectivo do club pontevedrés, segundo o seu presidente José Manuel Cano, será demostrar que o seu título de campións infantís na liga regular non foi casualidade. "Intentaremos que todos os nadadores suban ao máis alto do podio", sinalou na presentación do campionato.
As sesións de mañá comezarán ás 10.00 horas, mentres que as de tarde o farán a partir das 17.00 horas.