Máxima igualdade na Liga B de traíñas: Mecos e Coruxo, líderes; Perillo e Bueu, a dous puntos
Por Redacción
Catro equipos en apenas dous puntos. ÿ o que nos deixan as dúas regatas que se disputaron este fin de semana na Liga Galega de Traiñeiras B, demostrando a grande igualdade que hai na competición. O Mecos Mondariz logrou sumar a súa segunda vitoria do verán ao adxudicarse o sábado a Bandeira de Perillo, mentres que os coruñeses se vingaron co seu triunfo na Bandeira Virxe do Carme, disputada o domingo no Grove.
Na praia de Santa Cristina, a 'mequiña' logrou un cómodo triunfo ao parar o crono cun tempo de 20:02.80, 19 segundos menos que o segundo clasificado, o Coruxo. Os anfitrions de Salgado-Perillo só puideron ser terceiros a case medio minuto de Mecos. Por detrás quedaron Bueu, Esteirana, Rianxo, Cesantes, Cabo de Cruz e Vila de Cangas.
Pero no Grove todo cambiou. Mecos non puido brindar un triunfo á súa afección, xusto o ano no que se recuperaba a Bandeira Virxe do Carme tras doce anos sen celebrarse. Tras un duelo agónico con Coruxo, Perillo resarcíase da súa derrota do día anterior e adxudicábase a vitoria cun tempo de 19:50.22. A embarcación local só puido ser terceira na súa manga e caeu ata a cuarta praza final, superada tamén polo Club do Mar de Bueu.
Con estes resultados, os do Grove manteñen o liderado da Liga B con 31 puntos, os mesmos que suma Coruxo grazas aos seus dous segundos postos desta fin de semana. Dous menos, 29, teñen Salgado-Perillo e Bueu. A partir de aí a brecha ábrese ata os 15 puntos de Rianxo e Cesantes. Cabo de Cruz B, Esteirana e Vila de Cangas pechan a clasificación.
NOVA VITORIA DE SAMERTOLAMEU NA LIGA A
Pola súa banda, Samertolameu logrou a súa terceira vitoria da tempada na Liga A, competición na que só se celebrou unha regata este fin de semana. Foi na Pobra do Caramiñal. A traiñeira de Meira non deu opción aos seus rivais e impúxose con 15 segundos de vantaxe sobre Amegrove, as dúas embarcacións chamadas a loitar polo primeiro posto na competición. Mugardos e Vilaxoán foron terceiro e cuarto, respectivamente.
Tras esta cuarta proba da tempada, Samertolameu alcanza os 31 puntos, tres máis que Amegrove. A terceira praza na clasificación é para Vilaxoán, xa máis afastado, que conta con 22 puntos, un máis que Mugardos. Ares, Puebla, Chapela e A Cabana ocupan a parte baixa da táboa.
Relacionadas:
-
A segunda Bandeira de Bueu reúne as mellores traiñeiras de España
Por Redacción |
-
Amegrove, cun dobre segundo posto, alónxase do título da Liga Galega de Traiñeiras
Por Redacción |
-
A Liga Galega de Traiñeiras entra na súa recta final con Samertolameu na cabeza
Por Redacción |
-
Samertolameu volve derrotar a Amegrove en Redondela; Mecos, máis líder na Liga B
Por Redacción |
-
O Grove recupera a Bandeira Virxe do Carme de traiñeiras tras doce anos sen celebrarse
Por Redacción |
-
Amegrove gaña na casa e se achega a Samertolameu; Mecos e Bueu, empatados na Liga B
Por Redacción |