O filial do Arxil renuncia á súa praza en Primeira Nacional e competirá un ano máis na Primeira galega
Por Redacción
Unha decisión "moi dura e dolorosa". Así cualifican dende o Arxil a renuncia ao ascenso á Primeira Nacional que o seu filial lograra este ano. Finalizado o prazo para presentar a documentación necesaria para participar na competición, a directiva do equipo pontevedrés optou por comunicar á Federación Española de Baloncesto que non aceptan a praza na categoría de bronce. Xogarán un ano máis na Primeira División galega.
Segundo explica o club, baséase fundamentalmente na negativa recibida por parte de diferentes federacións autonómicas para cambiar a composición dos grupos de Primeira Nacional e poder así reducir os custos de desprazamento. Entenden ademais que supoñería un enorme desgaste físico para as xogadoras que alternan o primeiro equipo ou o conxunto xuvenil cos partidos do filial.
O Arxil chegou á conclusión, segundo os seus responsables deportivos, que a calidade que terá este ano a Primeira División galega permitirá que as súas xogadoras se poidan foguear no filial antes de dar o paso á Liga Feminina 2, como aconteceu recentemente con Fany López, Cristina Díaz-Pache, Jara Tuda, María Lago ou María Quiroga.
Ademais, o club entende que o cambio no sistema de liga, con grupos Norte e Sur con seis equipos cada un, xogando os tres primeiros polo ascenso, é moi atractivo para os seus intereses.
Así as cousas, ademais do equipo sénior en Liga Feminina 2, o Arxil contará con representación na Primeira División feminina (Arxil Mafari Café), así como na Primeira División júnior, cadete e infantil, e na Copa Galicia de Minibasket. Estudarase tamén a posibilidade de inscribir un equipo cadete e outro infantil na Copa de Outono.