Atréveste? Poio iníciate no tríatlon
Por Diego Espiño
Poio porá en marcha a primeira escola de tríatlon para adultos de Galicia. Co lema "Atréveste? Poio iniciate no tríatlon" intentarán chegar a todos aqueles afeccionados ao deporte maiores de 16 anos que queiran iniciarse na práctica desta modalidade e do dúatlon.
Por 15 euros ao mes levará a cabo un adestramento semanal na Reiboa (sábados a partir das 16:00 horas) dirixidos por Pablo Dapena, actual subcampión galego de tríatlon, e Alba Cuba, monitora das escolas deportivas do municipio e que ve na iniciativa unha oportunidade de captar afeccionados para esta modalidade, "apostar por adultos é unha forma de atraer xente a este deporte".
As sesións preparatorias arrincarán cando haxa un número mínimo de oito inscritos, non necesariamente residentes en Poio, cun obxectivo que xa marca o presidente do Club Monte Abaixo, Afonso Goldar, "esperamos que a xente que se anime poida competir en maio non Tríatlon Porto de Campelo".
Todos os interesados en participar poden solicitar información a través do correo electrónico poiotriatlon@gmail.com ou no teléfono 699 938 623.