Darío Costas, Alfonso Pérez, Jorge Puig e Elvira Okutu, rumbo a Valladolid para o Nacional xuvenil de atletismo
Por Redacción
Catro atletas da Sociedad Gimnástica participarán esta fin de semana no Campionato de España de categoría xuvenil, que se celebrará en Valladolid. Unha oportunidade para ver en acción ás promesas do atletismo nacional.
O primeiro dos atletas do club pontevedrés que entrará en liza será Darío Costas, ás once da mañá coas eliminatorias dos 100 metros. O pupilo de Santi Ferrer foi medalla o pasado inverno no nacional de probas combinadas da categoría. Problemas físicos impedíronlle preparar axeitadamente esta cita. No hectómetro vén de bater o récord galego con 10.98, unha marca que lle coloca quinto no ranking nacional.
Darío Costas tamén estará no salto de altura. Será na tarde do domingo, ás cinco e cuarto. Dende a Gimnástica aseguran que non se prodigou moito nesta proba durante o verán, pero se consegue chegar aos 1,95 metros que saltou este inverno podería estar na pelexa polas medallas.
Pola súa banda, Alfonso Pérez participará na proba de 400 metros, onde o ano pasado bateu o record galego con 49.48. Este ano xa correu en 49.60, un tempo que lle colocan o terceiro do ranking, aínda que os dous mellores están por debaixo de 49 segundos. O sábado ás sete da tarde compite nas semifinais e o domingo ás 17:25 horas celébrase a final.
Jorge Puig, por outro lado, decidiu baixar de distancia. O pupilo de Pablo Díaz despois de participar nos 1.500 metros nas súas actuacións nos nacionais xuvenís, na súa despedida da categoría farao nos 800 metros. Ás oito menos dez da tarde do sábado correrá unhas semifinais moi complicadas, porque hai oito atletas que teñen mellor marca ca el. De pasar á final volvería competir o domingo ás seis da tarde.
A participación da Gimnástica pecharaa Elvira Okutu o domingo ás seis e media da tarde. Será no salto de lonxitude. Non saltou este verán tan lonxe como no inverno pasado cando chegou aos 5,48 metros, pero o club espera que poida pelexar por coarse entre as oito mellores do seu concurso.
Relacionadas:
-
O atleta marinense Alfonso Pérez proclámase campión de España xuvenil nos 400 metros lisos
Por Redacción |
-
Brillante actuación de Ignacio Sarmiento, Marc Tur e Emilio Martín no Nacional de Federacións Autonómicas
Por Redacción |
-
Ouro para Manuel Molinos e prata para Marc Tur, no Campionato de España Promesa de Durango
Por Redacción |