As 'guerreiras azuis' do Teucro volverán a competir un ano máis en Primeira Autonómica
Por Redacción
As 'guerreiras azuis' da SD Teucro seguirán dando guerra un ano máis. O club confirmou que contará cun equipo sénior feminino por segundo ano consecutivo. Volverán competir en Primeira Autonómica e farao baixo a denominación de Teucro Pescamar, tras o acordo alcanzado polo presidente da entidade, Carlos García-Alén, e a directora xeral da empresa conserveira, Lupe Murillo.
Con este acordo de patrocinio dáse un gran paso, segundo García-Alén, na continuidade deste proxecto. "Cando cheguei un dos principais propósitos que me marquei era a creación dun equipo sénior feminino para que as xogadores das categorías inferiores tivesen un referente onde mirar. Agora que o conseguimos e o noso obxectivo é manter este proxecto", afirmou o presidente.
Despois de que o equipo feminino quedase en oitava posición empatado a puntos coa sétima clasificada na súa primeira tempada, o club busca afianzar este proxecto. "Cremos neste equipo e non permitiremos que este proxecto se esborralle", insistiu o presidente teucrista, que asegurou que o equipo sénior feminino "é moi importante para o noso club".
En canto á organización deportiva, o Teucro feminino aínda non ten o equipo pechado. Dende o club animan a todas aquelas rapazas que por motivos de traballo ou de estudo vaian estar durante este ano en Pontevedra a que se poñan en contacto coa entidade, que está totalmente aberto a ampliar a familia teucrista.