A terceira edición da carreira popular +10 Marín homenaxeará á xente do mar
Por Redacción
A xente do mar será o colectivo homenaxeado durante a celebración da terceira edición da carreira popular +10 Marín, que se celebrará o próximo 1 de agosto. Así se desvelou durante a presentación oficial dunha proba na que representantes do sector mariñeiro darán o pistoletazo de saída "como agradecemento a tantos anos dedicando e dando tanto á vila de Marín", segundo sinalaron os organizadores.
Nun sinxelo acto celebrado na Alameda marinense, déronse a coñecer os detalles dunha carreira "moi chaira e que encaixa moi ben a estas alturas de tempada". Superouse xa o centenar de inscritos e nela levará o número número 1 Elías Domínguez, un dos mellores atletas galegos e un habitual en cada unha das probas populares.
O circuíto será semellante ao de edicións anteriores. A saída terá lugar ás 22.00 horas nas inmediacións da Casa do Concello e a chegada será na Alameda marinense. Serán en total dez quilómetros. Un dos puntos relevantes volverá ser a entrada á Escola Naval, pero os afeccionados poderán gozar da carreira dende numerosas rúas da localidade.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, subliñou que a aposta que fixeron co +10 Marín "foi arriscada no sentido de impulsar unha carreira e que tivese continuidade". Non obstante, dous anos despois da primeira edición, indicou que está "feliz" porque "se mantivo e ten a posibilidade de ir mellorando ano tras ano".
Pola súa banda, o atleta Manuel Rosales, que dá nome dende a primeira edición á carreira, sentiuse "moi agradecido porque Marín faga unha carreira como esta", xa que sinalou que é unha das mellor organizadas do ámbito local e celebrou que "enche de ambiente deportivo o pobo de Marín".
Neste sentido, o presidente do Club San Miguel, Carlos de la Torre, sinalou que "é unha alegría que a xente se volque coa carreira, que a apoie. Esperamos que cada ano haxa máis xente correndo e animando, que é bo para o pobo. A ver se se consolida e cada vez vai a máis. ÿ o que esperamos todos". O Club San Miguel volverá colaborar coas carreiras de menores.
Ademais da proba absoluta, que realizarán conxuntamente a categoría masculina e a feminina, o +10 Marín volverá ser unha festa para os máis pequenos. As carreiras de menores, que se celebrarán con anterioridade á de 10 quilómetros, farán que tanto os nenos coma os seus pais poidan gozar dun gran día de deporte.
Relacionadas:
-
Confirman a celebración o 1 de agosto da cuarta edición da carreira popular +10 Marín
Por Redacción |
-
O venezolano Carlos Enrique Pérez dá a sorpresa e vence nunha +10 Marín pasada pola auga
Por Redacción |
-
A terceira edición da carreira popular +10 Marín Manuel Rosales celebrarase o 1 de agosto
Por Redacción |