José Antonio de Segovia referenda coa súa vitoria a gran actuación do Super Froiz na Volta a Zamora
Por Redacción
O abulense José Antonio de Segovia logrou a vitoria na XXXI edición da Volta ciclista a Zamora. Foi un triunfo máis cómodo do esperado e que referenda a grande actuación de todo o equipo do Super Froiz en terras castelás. A escuadra pontevedresa dominou a proba dende o primeiro día e continúa demostrando o gran momento de forma no que se encontran os seus corredores esta tempada.
De Segovia logrou manter o maillot de líder nunha última etapa sen apenas historia. A chuvia, que caeu con intensidade durante todo o día, impediu que se vise un maior espectáculo entre Moraleja del Vino e Zamora. Durante os 73,4 quilómetros da etapa, houbo constantes intentos de fuga pero o pelotón chegou agrupado á capital zamorana, onde esperaban dez voltas a un circuíto urbano, que resultou ser moi perigoso debido á auga que estaba a caer.
A etapa, que foi neutralizada ao chegar a Zamora ante o risco de que se producisen numerosas caídas no pelotón, decidiuse ao sprint entre un grupo duns quince corredores que lograron unha pequena vantaxe nas últimas voltas. Entre eles non estaba De Segovia, que sufriu unha picada que afortunadamente non tivo maiores consecuencias. O triunfo foi para Francesc Zurita (Zirauna Infisport).
Na clasificación xeral, o corredor do Super Froiz avantaxou en nove segundos a Martín Lestido (Mutua Levante-Deliki) e en doce segundos a Imanol Estévez (Zirauna Infisport). Cuarto foi o seu compañeiro de equipo Pedro Merino, a 21 segundos. O conxunto pontevedrés, gañador por equipos, logrou tamén colocar a Miguel Gómez e José Luis Mariño entre os dez primeiros, sétimo e décimo respectivamente. De Segovia levouse tamén o maillot á regularidade.
Ao remate da proba, José Antonio de Segovia aseguraba que "venía con ganas de disputarla porque ya llevaba unos cuantos años persiguiéndola y por unas cosas u otras no la había conseguido". Explicou que "ya salí muy mentalizado por la crono del primer día y por la etapa de Lubián que me venía bien" e felicitou a todo o seu equipo porque "día a día hemos ido mejorando, han hecho un gran trabajo y me pusieron las cosas muy fáciles".
DE SEGOVIA, CONTROL DENDE O PRIMEIRO DÍA
O corredor abulense do Super Froiz levou a vitoria tras unha carreira que controlou dende o primeiro día. Logrou un segundo posto na contra o reloxo inicial de apenas 2,2 quilómetros e adxudicouse ao sprint a segunda etapa, disputada entre Muelas de Pan e Benavente, un percorrido que estivo marcado polo forte vento e os numerosos abanos que se produciron no pelotón ao longo de todo o día.
Pero foi no Alto do Padornelo onde De Segovia sentenciou esta Volta a Zamora. Alí finalizou unha etapa con seis portos puntuables para a montaña e que ofreceu un grande espectáculo. O equipo pontevedrés logrou resistir os numerosos ataques que recibiron dos seus rivais ao tras descolgar ao ata entón líder, Francisco García Rus, logrou que o abulense entrase en segunda posición, a 1:43 do gañador da etapa, o catalán Marc Soler (Lizarte).
Relacionadas:
-
Pedro Merino gaña a Vuelta a Toledo nunha demostración de poderío do Froiz
Por Redacción |
-
Pedro Merino, cun bronce, dálle ao Froiz a súa terceira medalla no Campionato de España
Por Redacción |
-
O Froiz, sen rival contra o crono nos Nacionais: vitorias de ÿscar González e José Antonio De Segovia
Por Redacción |
-
De Segovia aguanta a presión e adxudícase a Volta a Coruña
Por Redacción |