Adrián Sieiro, sétimo en C-1 500 Sub-23, pecha un gran Mundial para o Club Piragüismo Poio
Por Redacción
O canoísta Adrián Sieiro foi o encargado de pechar a participación dos deportistas do Club Piragüismo Poio no Campionato do Mundo Júnior e Sub 23 de Piragüismo en augas tranquilas de Szeged (Hungría). E fíxoo cun sétimo posto na final C-1 200 metros na categoría sub-23. ÿ o mellor posto logrado polo pontevedrés nunha competición internacional en toda a súa carreira deportiva.
Tras o oitavo posto do seu compañeiro Sergio Vallejo, Adrián Sieiro igualou este resultado aínda que a diferenza del si estivo preto das medallas. Quedou tan só 35 centésimas do bronce. Completou os 200 metros da súa proba en 00:39.91. O ouro foi para o canoísta lituano Henrikas Zustautas, que marcou un tempo de 00:38.78 e superou o ruso Andrey Kraitor e o xeorxiano Zaza Nariradze, que subiu ao podio ao rematar en 00:39.56.
Despois deste gran resultado, o padexeiro de Poio viaxará entre o 6 e o 10 de agosto ao Mundial absoluto de Moscú, onde defenderá a distancia de C-1 500 metros, proba na que recentemente foi oitavo no Europeo.
Precisamente con respecto a este Mundial, o presidente do Club Piragüismo Poio, Diego González, lamentou unha vez máis que os seus deportistas teñan que ir autofinanciados a grandes citas internacionais. "O deporte de alto nivel ten que ter axudas para estes casos, non pode ser que Adrián teña bolsa de alto nivel polo CSD e Galicia, e teña que adestrar e subsistir coa axuda que lle dan os seus pais", denunciou.
Asegura que o club non ten medios económicos nin humanos para darlle un trato personalizado e lograr que do salto deportivo para loitar polas medallas nun grande evento internacional, "e o que vimos o último ano é que a Federación Española de Piragüismo non apoiou nada os canoístas galegos, prexudicándonos en beneficio de padexeiros doutras autonomías,".
OUTROS RESULTADOS GALEGOS
Ademais de Adrián Sieiro, outros tres padexeiros galegos disputaron este domingo as finais nas súas respectivas probas. Cristian Silva (Rías Baixas Boiro) proclamouse campión do mundo júnior en K-4 1.000 metros xunto cos seus compañeiros Pelayo Roza, Pedro Vázquez e Ramón Lecumberri. Cun tempo de 03:00.77 bateron os equipos ruso e alemán, que foron os que os acompañaron no podio.
Na mesma distancia pero en categoría Sub-23, Rubén Millán (Kayak Tudense) tamén se proclamou campión do mundo xunto ao resto do seu equipo, formado polos padexeiros Javier Cabañín, Marcus Walz e Juan González. Cruzaron a liña de meta en 02:58.45, superando con certa comodidade a Rusia e Bielorrusia.
Pola súa banda, Cristina Noya (Rías Baixas Boiro) só puido ser oitava en C-2 500 metros sub-23, acompañada de Araceli Iglesias.
Relacionadas:
-
David Cal, Tono Campos, Diego Romero e Adrián Sieiro, rumbo a Moscú para o Mundial de piragüismo
Por Redacción |
-
Sergio Vallejo, oitavo no Mundial de Szeged; Adrián Sieiro á final de C-1 200 metros Sub-23
Por Redacción |
-
Sergio Vallejo, primeiro canoísta individual do Club Piragüismo Poio en disputar unha final dun Mundial
Por Redacción |