O atleta marinense Alfonso Pérez proclámase campión de España xuvenil nos 400 metros lisos
Por Redacción
Valladolid coroou este domingo o atleta marinense Alfonso Pérez como campión de España xuvenil nos 400 metros lisos. A súa medalla de ouro foi o mellor resultado que obtiveron os deportistas da Sociedad Gimnástica que participaron no campionato nacional que se disputou durante toda a fin de semana na capital castelá. Darío Costas, sexto en 100 metros, tamén logrou coarse entre os finalistas
Non o tivo doado Alfonso Pérez para levarse a vitoria. Tivo unha semifinal complicada que coincidiu cun forte ballón de auga que posteriormente obrigou a parar temporalmente a competición. Aínda así gañou a súa serie e colocouse nunha final que resultou moi rápida. O pupilo de Pablo Díaz soubo aproveitar o seu gran momento de forma e colgouse un ouro moi merecido, rebaixando ademais o seu actual record galego ata os 48.99 segundos.
O outro posto de finalista para o club pontevedrés logrouno Darío Costas nos 100 metros. Tras gañar a súa serie eliminatoria, foi segundo nas semifinais cun tempo de 11.01 segundos. Pero nunha final moi complicada, o vento en contra impediulle seguir mellorando a marca e tivo que conformarse cun bo sexto posto, parando o crono en 11.23.
Darío Costas tamén participou na final de salto de altura, pero saltou tan só 1.79 metros, un resultado que lle deu o duodécimo posto da proba. Tampouco estivo entre as mellores a saltadora de lonxitude Elvira Okutu. O seu mellor salto foise aos 4.95 metros, o que lle impediu entrar entre as oito mellores. Foi décima na clasificación.
O cuarto representante da Sociedad Gimnástica nestes campionatos foi Jorge Puig, que quedou ás portas de entrar na final dos 800 metros. O acceso á final estaba moi complicado. Só o gañador de cada eliminatoria pasaba directamente, máis os catro mellores tempos. Jorge non o logrou por só cinco centésimas. Foi terceiro na súa serie con 1:57.26 e a esas cinco centésimas quedou o segundo da súa carreira que si se meteu na final. Concluíu pois en novena posición.