Samertolameu volve derrotar a Amegrove en Redondela; Mecos, máis líder na Liga B
Por Redacción
Con cada semana que pasa, Samertolameu deixa máis clara a superioridade dos seus remeiros na Liga Galega de Traiñeiras. A embarcación de Meira logrou este domingo a súa cuarta vitoria da tempada. Fíxoo na XXVII Bandera Concello de Redondela, a quinta proba da liga. O seu dominio en augas da ría de Vigo foi absoluto. Superou en seis segundos ao seu máximo rival, Amegrove, ao que lle segue faltando un plus para competir de ti a ti con eles.
Os do Grove saíron moi fortes nos primeiros metros, impoñendo un ritmo vibrante, pero pronto Samertolameu recompúxose e xa chegaron na cabeza á primeira ceavoga. A partir de aí a vantaxe de Meira non fixo máis que crecer e en ningún momento temeron por unha remontada de Amegrove. Na mesma serie correron Mugardos e Vilaxoán. Tras unha dura pugna, finalmente os coruñeses foron terceiros.
Na primeira quenda, foi a traiñeira de Ares a que logrou unha cómoda vitoria. Foi 17 segundos máis rápida que Puebla. Chapela, anfitriona da proba, só podo ser terceira na súa manga. O último posto foi para Cabana Ferrol, que pasa a ser o último da liga.
Tras esta proba, Samertolameu suma 39 puntos fronte aos 35 de Amegrove. En terceira posición empatan Vilaxoán e Mugardos, ambos os dous con 27 puntos. Quinto é Ares con 21, mentres que na parte baixa da clasificación se encontran Puebla, Chapela e A Cabana con 12, 10 e 9 puntos, respectivamente.
MECOS, LÍDER EN SOLITARIO NA LIGA B
Na Liga B, tras varias semanas con liderado compartido, as dúas regatas disputadas esta fin de semana permitiron a Mecos Mondariz coller unha lixeira vantaxe. Foi grazas á súa vitoria na X Bandeira de Rianxo e ao terceiro posto logrado ao día seguinte na XXII Bandera Concello de Vigo. Tras seis probas disputadas suman 47 puntos fronte aos 46 de Coruxo. Terceiro é Perillo con 44 puntos e Bueu, cuarto, ten 43.
En Rianxo, Mecos protagonizou unha regata perfecta. Controlou a proba en todo momento e entrou en meta cun tempo de 20:12.11. Foi cinco segundos máis rápida que a traiñeira de Bueu e dez que Salgado-Perillo. Coruxo, que foi cuarta na ría de Arousa, desquitouse na casa o domingo. Seu foi o triunfo en Vigo, unha vitoria moi axustada porque foi só un segundo máis rápido que Perillo. A 'Mequiña' foi terceira, a oito segundos do gañador.
Relacionadas:
-
Amegrove, cun dobre segundo posto, alónxase do título da Liga Galega de Traiñeiras
Por Redacción |
-
A Liga Galega de Traiñeiras entra na súa recta final con Samertolameu na cabeza
Por Redacción |
-
Máxima igualdade na Liga B de traíñas: Mecos e Coruxo, líderes; Perillo e Bueu, a dous puntos
Por Redacción |
-
Amegrove gaña na casa e se achega a Samertolameu; Mecos e Bueu, empatados na Liga B
Por Redacción |