A SD Teucro recupera o seu filial, un equipo que xogará esta tempada na Primeira Autonómica
Por Redacción
A SD Teucro volverá contar cun equipo filial a próxima tempada. Cinco anos despois da súa desaparición, a directiva do club decidiu recuperalo e anuncia que sairá a competir en Primeira Autonómica, tras o acordo alcanzado co Balonmán Conxo. A última tempada na que o conxunto teucrista tivo un equipo filial nesta categoría foi na campaña 2009-2010.
O novo filial teucrista, que terá como patrocinador oficial á compañía aseguradora Asegrup, é unha peza máis do proxecto deportivo iniciado este verán tras a contratación de Quique Domínguez como novo adestrador do primeiro equipo.
"O equipo créase coa finalidade de que sirva de ponte entre as categorías inferiores e o primeiro equipo. A nosa intención é que os xogadores que superen a idade xuvenil e teñan proxección poidan seguir no club dispoñendo de minutos de xogo que lle permitan seguir a súa progresión", asegura o adestrador pontevedrés.
Dende a directiva da SD Teucro agradecen ao Balonmán Conxo todas as facilidades que deron para chegar a un acordo que, afirman, resultou beneficioso para ambas as dúas partes. Deste xeito, o conxunto santiagués cede a súa praza na cuarta categoría do balonmán español ao equipo pontevedrés, que se inscribiu na competición.
Este novo filial servirá para axudar o primeiro equipo e completar o plantel se nalgunha ocasión así o require Quique Domínguez. "Varios dos xogadores do filial adestrarán co primeiro equipo e se fai falta xogarán connosco. ÿ a forma gradual e lóxica para que os xogadores máis novos se vaian incorporando ao primeiro equipo", insiste o adestrador, que avanza que espera tirar moito proveito dos integrantes do equipo de Primeira Autonómica.