Lucía Vázquez, prata no Campionato de España de mountain bike disputado en Panticosa (Huesca)
Por Redacción
Lucía Vázquez subiu ao podio do Campionato de España de mountain bike celebrado na localidade oscense de Panticosa. Ocupou a segunda praza na proba disputada en formato eliminator. A pontevedresa do Vicma Bike Team tan só foi superada na carreira final pola catalá Sandra Santanyes (Bicilocura-Primaflor).
A modalidade de eliminator estreábase este ano no programa da gran cita do mountain bike español cun espectacular trazado polas rúas da poboación pirenaica.
Cunha contra o reloxo individual iniciouse a competición para establecer os emparellamentos nas roldas eliminatorias. Despois de impoñerse con autoridade en cuartos de final e semifinais, a biker de Vilaboa logrou o pase para a manga definitiva na que se ían repartir as medallas. Sandra Santanyes, Anna Villar e Amparo Chapa foron as outras clasificadas.
Unha mala saída na final obrigou a Vázquez a remontar dende a última posición no estreito e explosivo circuíto aragonés. A vixente campioa de Galicia superou a dúas das súas rivais, pero quedou sen tempo para alcanzar a Sandra Santanyes e tivo que conformarse coa medalla de prata.
O resto da participación da corredora do Vicma no Campionato de España saldouse con dous quintos postos.
Na proba Rally sufriu dúas caídas e non tivo boas sensacións o que lle impediu loitar por unha praza no podio. A fortuna tampouco acompañou a vilaboense na competición de Team Relay por comunidades autónomas. O primeiro relevista de Galicia sufriu unha picada que lastrou as opcións de medalla do conxunto no que Vázquez foi a representante feminina.