O Poio FS estreará a súa segunda tempada na elite ante o Viaxes Amarelle na Seca
Por Redacción
Xa coñecía aos seus rivais e a data na que ía iniciar a competición, o 13 de setembro. Ao Poio Fútbol Sala só lle faltaba coñecer o calendario que terá que afrontar na súa segunda tempada na elite do fútbol sala feminino. E por fin desvelouse, tras o sorteo celebrado na sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). O primeiro partido será na casa e ante un vello coñecido, o Viaxes Amarelle.
As coruñesas visitarán o pavillón da Seca o sábado 13 de setembro. Co devandito partido comezará unha tempada na que as 'rojillas' intentarán consolidarse na Primeira Nacional. Unha semana despois, o día 20, chegará o primeiro desprazamento das rapazas dirixidas por Gonzalo Iglesias 'Morenín'. Será ao País Vasco, onde o esperará o Bilbo, un dos tres equipos ascendidos esta tempada.
O sorteo deparou ademais que o Poio FS xogue tamén na casa o último partido de liga. O 30 de maio de 2015, as pontevedresas recibirán o Móstoles. Unha semana antes disputarán o último dos oito derbys que afrontarán esta tempada. O rival, o Cidade de As Burgas en Ourense.
O calendario completo da competición pódese consultar neste enlace.
Os 16 equipos que compoñerán a Primeira Nacional feminina son cinco galegos (Poio Pescamar, Burela, Ponte Ourense, Cidade de As Burgas e Viaxes Amarelle), catro madrileños (Futsi Navalcarnero, Alcorcón, Móstoles e Majadahonda), dous vascos (Bilbo e Ordizia), un valenciano (Universidad de Alicante), un rioxano (FSF Rioja), un catalán (FS Gironella), un murciano (Roldán FS) e un navarro (Orvina).
Relacionadas:
-
O Poio FS avanza na súa preparación coa baixa por lesión de Zulú
Por Redacción |
-
Confirmados os primeiros compromisos de pretempada para o Poio FS
Por Redacción |
-
O Poio FS arranca a súa segunda tempada na elite
Por Diego Espiño |
-
O Poio FS xa coñece aos seus rivais na Primeira e a data para iniciar a liga: o 13 de setembro
Por Redacción |
-
Gonzalo Iglesias 'Morenín' será o adestrador do Poio FS no seu segundo ano na Primeira División
Por Redacción |