David Cal: "Se recortas aos júniors, en Madrid 2020 non faremos nada"
Por Diego Espiño
Logo duns meses de reflexión tras lograr o seu quinto metal olímpico en Londres, David Cal, o deportista español máis laureado da historia, decidiu intentar ampliar o seu palmarés en Río 2016. O próximo 4 de decembro o padeeiro inicia un novo ciclo olímpico cunha pretemporada tardía e logo de solicitar "os apoios necesarios" para traballar durante os seguintes catro anos.
O presidente do COE, Alejandro Branco, e o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, comprometeron todo o seu apoio para que prepares Río 2016, suficiente?
Síntome máis apoiado. Tampouco pedimos irnos a Sudáfrica ou cousas estrañas, simplemente que nos respecten o que xa tiñamos, adestrar en Pontevedra case todo o ano e as concentracións fóra. Durante todo o ano os gastos corren da miña conta, eu vivo na miña casa e como no Centro de Tecnificación. Á Federación non lle supoño nada en 8 meses porque o material dámo o fabricante das canoas e das pas. Simplemente os últimos meses que nos concentramos pedimos que corran con eses gastos e se imos competir ao estranxeiro a un mundial ou a outras competicións tamén.
"Se queres preparar unha tempada enfocada a un mundial non podes estar polo medio apertándote para superar un control selectivo"
Moléstache que para competir nesas probas teñas que pasar un control selectivo e eliminatorio con outros padeeiros?
Eu espero que non volva pasar. O problema é que neste ciclo olímpico por exemplo si que me perdín europeos polos selectivos. Había anos que me interesaba ir competir ao Campionato de Europa para medirme a nivel internacional pero había xente que estaba máis en forma que eu e si quería ir o que tiña era que forzar a forma antes de tempo. Por iso fun perdendo algúns, provócache que alteres a planificación física. Se ti queres facer a preparación dunha tempada enfocada a un mundial non podes estar polo medio apertándote para superar eses controis.
Logo de catro medallas e outras tantan olimpíadas, veste con forza e ganas de seguir outros catro anos?
Si. O soño de calquera deportista é conseguir unha medalla olímpica. Cando tiña 15 ou 16 anos, antes de conseguir as medallas, o que sempre che pasaba pola cabeza era, unha medalla olímpica... Iso debe ser a hostia. E agora que teño a posibilidade de poder conseguila de novo pois tiro para diante, porque con 50 anos non vou poder facelo, ou o fago agora ou dentro duns anos nada.
Pensas algunha vez no conseguido, en ser o deportista español con máis medallas olímpicas?
Iso é o que nos propuxemos neste ciclo olímpico para pasar por esa etapa de días de frío, choiva... Sérveche nos momentos malos, ter unha meta, un obxectivo.
Que opinas do cambio de distancias nos Xogos, trocando os 500 metros polos 200?
Para min foi unha putada quitar esa distancia. Tiña dúas opcións e agora só teño unha porque xa temos claro que o 200 non é para nós. Eu doume conta de que non é distancia para min pero hai outros que non se dan conta de que o 1000 non é para eles. Eu se que son rápido en 200 pero non me chega para facer as dúas en condicións así que o C1-1000 para min e o 200 para o outro mozo.
En Londres o C1-200 foi, quitando as augas bravas, o único gran resultado dun padeeiro novo, cuarto posto de Sete Benavides, como ves o futuro do piragüismo español?
Véxoo complicado porque cos recortes que está habendo os que realmente o van a pasar mal son os júnior e os sub 23. O problema é que se está en marcha o proxecto de Madrid 2020 eles son os que van estar competindo e se deixas que se perdan... Se nos dan a candidatura ao final ou os tratan ben ou non imos facer nada.
"A cultura do esforzo estase perdendo, a Wii e a Play están facendo moito dano aos nenos"
Por que custa tanto atopar unha substitución xeracional?
Custa un pouco. Na sociedade que temos a cultura do esforzo estase perdendo. A Wii e a Play están facendo moito dano. Os nenos cada vez xogan menos e cústalles desgastarse e esforzarse. Hai que loitar contra iso.
Por certo, líches xa o libro do teu adestrador Suso Morlán?
Non (risas) aínda non porque antes de publicalo só deixoume ler dous capítulos e o libro conseguino hai pouco. Coas presentacións non me deu tempo a rematar, pero non me queda moito.