Prezos populares (20, 15 e 10 euros) para o derbi entre Celta e Deportivo en Pasarón
Por Diego Espiño
O Estadio Municipal de Pasarón acollerá o próximo mércores 13 de agosto un partido amigable entre Celta e Deportivo organizado polo Federación Galega de Fútbol (FGF).
O encontro fixouse para as 21:30 horas e organízase en beneficio do fútbol base autonómico, ao que irá destinado integramente a recadación.
Os prezos para asistir ao partido serán "populares", segundo explicou na presentación deste o presidente da FGF, José García Liñares. Deste modo as entradas para a bancada de Tribuna fixáronse en 20 euros, 15 para Preferencia e 10 para os fondos, podendo entrar de balde os menores de 12 anos.
A Federación espera poder habilitar a venda de entradas a próxima semana a través dos propios clubs implicados, Deportivo e Celta, ademais de contar coa colaboración do Pontevedra Club de Fútbol, que tamén despachará billetes para a ocasión.
Á presentación do derbi, celebrada este luns na Deputación de Pontevedra, acudiron ademais do propio García Liñares o presidente provincial, Rafael Louzán, e os máximos dirixentes de Celta, Deportivo e Pontevedra.
Aproveitando a ocasión Lupe Murillo puido charlar con Carlos Mouriño en relación ao partido amigable que acordaron disputar Pontevedra e Celta na cidade de Lérez durante a primeira ou segunda semana de setembro, coincidindo co parón de Primeira División a causa dos partidos das seleccións nacionais.