O fútbol pontevedrés estrea casa en Pasarón
Por Ramiro Espiño
Os 99 clubs integrados na disciplina da Delegación pontevedresa da Federación Galega de fútbol teñen nova casa. Situada na primeira planta da bancada de Preferencia de Pasarón, lindantes coas oficinas do Pontevedra C.F., foron inauguradas as novas instalacións que a partir da primeira semana de decembro albergarán as dependencias federativas, que os clubs de fútbol de Pontevedra e zona de influencia, aos que se sumarán tamén os de fútbol sala que pasan a depender da mesma delegación, terán á súa disposición para realizar as súas xestións.
Asistencia multitudinaria a un acto que contou coa presenza de representantes da maioría de clubs, así como do Colexio de Árbitros, adestradores e colaboradores, todos eles satisfeitos da amplitude e funcionalidade dunhas oficinas que dan resposta ás necesidades dunha Delegación que quedara pequena, na súa actual situación nun piso da rúa Echegaray, para dar servizo a todos os clubs afiliados.
A representación federativa estivo encabezada polo presidente da Federación Galega, José García Liñares, acompañado polo Delegado en Pontevedra, Jaime Otero e polo Delegado Honorífico, Manuel Barreiro. No capítulo de autoridades estaban presentes o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, a deputada Ana Isabel Vázquez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o concelleiro capitalino, Tino Fernández e o voceiro do grupo municipal popular, Jacobo Moreira.
García Liñares abriu a quenda de intervencións agradecendo a Deputación e Concello ter feito posible un vello anhelo como era dispoñer dunha sede para albergar a Delegación Pontevedresa, recordando que se cumpría o compromiso adquirido con motivo da visita da selección española a Pasarón. Tamén felicitou o actual delegado, Jaime Otero e ao seu antecesor, Manolo Barreiro, así como a todos os clubs pontevedreses por conseguir este logro.
O presidente Louzán dió as grazas a todos e dixo cumprir unha obriga para co fútbol pontevedrés á par que pediu o presidente da Galega que fixera o posible por descentralizar todos os trámites federativos, co fin de evitar desprazamentos dos clubs ata A Coruña. Así mesmo destacou que nunha época de crise como esta a Deputación intentará manter as axudas que vén prestando, incluíndo o investimento en novas instalacións para aqueles clubs que aínda non dispoñen de novos campos de herba sintética. Quixo facer tamén mención de agradecemento ao presidente e vicepresidente do Pontevedra, Mauricio Rodríguez e José Manuel Fernández, presentes igualmente no acto, polo seu traballo durante dous anos no club granate para conseguir facelo viable economicamente.
Pola súa banda o alcalde pontevedrés, Miguel Fernández Lores, pechou a quenda de discursos, reiterando o seu agradecemento a todos polo traballo que veñen realizando no fútbol modesto, e a súa felicitación por estas novas instalacións. Dixo que Pasarón debe ser a casa de todo o fútbol e, tirando de humor, arrancou o sorriso de todos cando pediu ao presidente da Galega, e mesmo aos representantes do colectivo arbitral, que xa que o Pontevedra fora xeneroso compartindo as instalacións "sin que se note moito, si podemos de algunha maneira subilo a segunda B, que é un sitio onde estaría mellor, e dende logo a segunda división. Esto que non se sepa por ahí, pero bueno, nos damos facilidades e agradecemos calquer tipo de colaboración, porque así, na casa, temos que ir axudándonos todos un pouco".