Poio e Marcón, campos de adestramento para o primeiro equipo do Pontevedra
Por Diego Espiño
Despois de padecer problemas cos campos de adestramento durante boa parte da pasada tempada, principalmente tras o comezo das obras en Príncipe Felipe, o Pontevedra propúxose non repetir a situación no presente curso.
Dende o inicio dos adestramentos o primeiro plantel traballa habitualmente no campo da Seca, en Poio, para non castigar o céspede de Pasarón. Esta mesma semana os granates teñen alí programado tres sesións e a intención é seguir utilizando esta instalación, de herba natural, nos próximos meses ante a dificultade de encontrar espazo en campos destas características preto da cidade de Lérez.
Por este motivo o Pontevedra comprometeuse a colaborar no mantemento da Seca, polo menos ata que se cumpran as intencións do Concello de Poio de instalar céspede artificial no estadio.
Ademais, ante a falta de dispoñibilidade polo momento de Príncipe Felipe, o club lerezano ten previsto usar habitualmente O Carrasco, en Marcón, de céspede artificial.
Neste caso o Marcón Atlético non puxo impedimento ningún a ceder o campo nas horas nas que non está ocupado e que coinciden co horario habitual de adestramento dos de Manu Fernández, de 16:00 a 18:00 horas ou mesmo pola mañá.
A única condición posta polo Marcón é que o Pontevedra se faga cargo dos gastos que ocasione, pois o mantemento do Carrasco corre ao seu cargo. A colaboración co club veciño traduciuse ademais no amigable que este xoves disputan ambos os dous equipos en Marcón (20:00 horas).
En canto a Príncipe Felipe, a intención da dirección granate é que poidan exercitarse alí outros equipos da entidade, polo que solicitarán horarios de ocupación do campo co obxectivo de desconxestionar as instalacións da Xunqueira.
TRIANGULAR NA ESTRADA
O Pontevedra confirmou un novo compromiso estival para esta mesma semana. Trátase dun torneo triangular na Estrada no que tamén participarán o club local, Estradense, e o filial do Celta de Vigo.
Os partidos comezarán ás 20:30 horas.