Novo triunfo do Pontevedra na pretempada: goleada ao Marcón (1-7) no Carrasco
O Pontevedra segue afinando a súa preparación. Os homes de Manu Fernández volveron confirmar as boas sensacións que están a mostrar nesta pretempada, dando unha grande imaxe na súa visita ao Carrasco. Adxudicáronse o trofeo Ferretería Galega tras derrotar o Marcón por 1-7. Os locais acusaron a súa falta de preparación, tras levar adestrando apenas unha semana, pero lograron xogar de ti a ti cos granates durante os 40 primeiros minutos.
Tras un cuarto de hora inicial no que ningún dos dous equipos parecía estar moi cómodo sobre o terreo de xogo, o Marcón daba no minuto 18 o primeiro susto cun tiro ao longueiro de Zalo tras o saque dunha falta directa. A xogada arrancaba os primeiros aplausos nunha bancada que presentaba un aspecto envexable con máis de 500 persoas. Cinco minutos despois chegaba o primeiro gol do Pontevedra, tras un remate de cabeza de Pablo González.
O Marcón lograba repoñerse e no minuto 27 conseguía o empate grazas a un espectacular disparo de Iván dende fóra da área que sorprendía por alto a Edu. Co paso dos minutos o Pontevedra ía impoñendo pouco a pouco o seu poderío físico e grazas ao seu maior ritmo de xogo e ao bo momento de Benja, que volveu marcar dous goles (de penalti, no minuto 41 e a pase de Kevin Presa tres minutos despois), chegou ao descanso cun 1-3 ao seu favor.
A segunda parte apenas tivo historia. O Pontevedra deu entrada a oito xogadores novos e despregou un xogo sensiblemente mellor que na primeira metade. Sólidos en defensa, apenas fixeron moverse a Sergio Lloves, que substituíu a Edu no descanso. Rápidos nas combinacións e acertados nas xogadas de ataque, desarboraron a un Marcón que, a pesar das ganas que puxo, foi incapaz de frear os pontevedreses.
Así foron chegando, sucesivamente, os goles de Jacobo Millán (minuto 61) que aproveitou un bo pase de Agus, un xogador xuvenil que deu probas da súa calidade con outros dous goles propios (minutos 66 e 71); e de Jorge Rodríguez, que pechou a conta anotadora xa no desconto, ao bater a Joaquín no minuto 91. O porteiro local evitou mesmo que a goleada fose maior, grazas a un par de boas intervencións.
Unha das curiosidades do partido era que Fran Fandiño se enfrontaba por primeira vez aos seus dous irmáns, ambos os dous nas filas do Marcón. Pero finalmente non coincidiron sobre o céspede, xa que o centrocampista do Pontevedra xogou os 45 primeiros minutos, mentres que os seus irmáns, Marcos e Cristian, saltaron ao campo na segunda metade.
MARCÿN ATLÿTICO (1): Joaquín, Dani Castresana, Fernando, Yago, Rocha, Valiñas, Gelillo, Arturo, Martín, Zalo e Iván. Jugaron también Marcos, Álvaro, Héctor, Cris Peón, Adri, Baptiste, Cristian, Fi, Sabajanes y Luis.
PONTEVEDRA CF (7): Edu, Pablo, Adrián Gómez, Brian, Tomás, Anxo, Kevin Presa, Emilio, Yago, Fran Fandiño e Benja. Xogaron tamén Jacobo, Adrián Mouriño, Campillo, Jorge Rodríguez, Abraham, Centrón, Agus e Sergio Lloves.
Goles: (0-1) Minuto 23: Pablo. (1-1) Minuto 27: Iván. (1-2) Minuto 41: Benja, de penalti. (1-3) Minuto 44: Benja. (1-4) Minuto 61: Jacobo. (1-5) Minuto 66: Agus. (1-6) Minuto 71: Agus. (1-7) Minuto 91: Jorge Rodríguez.
Incidencias: Partido amigable correspondente o Trofeo Ferretería Gallega. Máis de 500 persoas no campo do Carrasco (Marcón)