Superioridade do Celta sobre o Deportivo (2-0) no derbi galego de Pasarón
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Obxectivo cumprido e por partida dobre: en primeiro lugar axudar ao fútbol modesto e en segundo facer que o derbi fose unha festa do fútbol galego, a xeito de anticipo dos dous que esperan aos máximos representantes da nosa comunidade na inmediata tempada en Primeira división.
O primeiro deses obxectivos logrouse ao conseguir congregar en Pasarón preto de 10.000 afeccionados, que deron a nota de calor e cor. Había ganas de derby e iso traduciuse nunha entrada que en nada se parece a un simple torneo de verán.
O segundo foi aínda maior. Foi un verdadeiro pracer observar como dende última hora da mañá as rúas de Pontevedra ían poboándose de afeccionados ataviados coas camisetas dos seus respectivos equipos. O celeste e o branquiazul eran paseados polos seus orgullosos seguidores, alternados con bastantes afeccionados que lucían a camiseta granate do Pontevedra e que querían sumarse á festa do fútbol galego mesturándose cuns e outros e exercendo de perfectos anfitrions.
Mesmo era frecuente encontrarse en prazas e terrazas a seguidores dun e outro club departindo amigablemente, compartindo un aperitivo sen que se rexistrase nin o máis mínimo incidente. E niso saíron gañando as dúas afeccións e o noso fútbol. Ese é o espírito que ogallá reine a partir de agora nos enfrontamentos entre todos os equipos galegos.
En canto ao deportivo, o partido e o trofeo foi para o Celta. Os do Toto Berizzo demostraron estar moito máis feitos, máis callados como equipo que os homes de Víctor Fernández. O cadro celeste dominou con claridade dende o asubío inicial, mostrando unha vez máis unha asfixiante presión arriba, sobre a saída de balón do contrario, sen dar apenas opcións aos coruñeses de crear perigo, se ben deberon esperar ata o segundo tempo para traducir o seu dominio en goles.
Precisamente froito desa presión avanzada chegaba o primeiro tanto, a pouco de continuarse o partido tras o descanso, nunha mala cesión do Deportivo que aproveita Nolito para disparar raso dende a frontal, batendo a Germán Lux.
Os cambios en ambos os dous equipos non alteraron a decoración e o Celta sentenciaría nunha xogada pola banda dereita a cargo de Orellana, que puxo un centro perfecto para que Larrivey marcase a pracer dende moi preto, gañando as costas ao seu marcador.
R.C. CELTA (2): Sergio; Fontás, Álex, Nolito, Larrivey, Orellana, Carles Planas, Jony, Cabral, Krohn Deli e Borja. Tamén xogaron: Rubén (p.s.), Hugo Mallo, Santi Mina,Charles, Madinda, Sergio Gómez e Goldar.
R.C. DEPORTIVO (0): Fabricio; Canella, Álex Bergantiños, Insua, Arizmendi, Isaac Cuenca, Toché, Wilk Cezari, Seoane, Fariña e Juan Carlos. Tamén xogaron: Germán Lux (p.s.), José Rodríguez, Remeseiro, Borja, Juan Domínguez, Iago, Lauren, Luisiño, Cabaleiro, Cardoso e Lopo.
Árbitro: Iglesias Villanueva (colexio galego), auxiliado nas bandas por Costoya Rodríguez e Vázquez Alvite. Amoestou a Fontás e Orellana, polo Celta, e a Seoane, polo Deportivo.
Goles: (1-0) Minuto 48: Nolito. (2-0) Minuto 73: Larrivey.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). I Trofeo Federación Galega de Fútbol, a beneficio do fútbol base. Preto de 10.000 espectadores.