A Ribadeo sen confianzas e co único obxectivo de sumar os tres puntos
Por Ramiro Espiño
Nada de confianzas. Esa foi a consigna que o técnico do Pontevedra, Manu Fernández, insistiu en transmitir aos seus xogadores de cara ao partido que lle enfronta ao Ribadeo FC, no campo Municipal Pepe Barrera (domingo, 18:00 horas), con arbitraxe do colexiado ferrolano Fernando Formoso Sánchez.
A condición de recén ascendido do contrario non fará aos granates baixar a garda para sumar tres novos puntos e a súa segunda vitoria a domicilio, que lles permita manterse no máis alto da táboa, único obxectivo que se formulan, especialmente a unha semana de recibir en Pasarón a visita dun dos teóricos rivais directos na loita polo campionato, como o Deportivo B.
O únicos enfrontamentos entre ambos os dous clubs en partido oficial pérdense case na noite dos tempos. Hai que remontarse ao afastado ano 1956 para encontrar un 14 de outubro o partido disputado en Pasarón, que finalizou con vitoria granate por 5-1. A volta en Ribadeo xogaríase o 24 de febreiro de 1957, concluíndo con igualada sen goles.
Os lucenses perderon na súa estrea ligueira fronte ao Alondras (0-2), se ben o resultado está pendente da resolución da xuíza única de competición, que deberá resolver a denuncia por suposta aliñación indebida presentada polo Ribadeo. A pasada xornada sufriron un duro correctivo no Roxo, ao saír derrotados do campo do Cerceda por un contundente 6-1.
Adestrado polo tándem Germán Campos/Manolo Vilachá, o Ribadeo sairá ferido por ese último resultado obtido, e disposto a demostrar que aprendeu a lección e que pode competir na categoría.
Os celestes esperan a visita do Pontevedra como un verdadeiro acontecemento, se ben a data, coa resaca da Feira Franca na cidade do Lérez, e a distancia entre ambas as dúas localidades, sen dúbida farán que sexan poucos os afeccionados granates que se despracen ata a localidade limítrofe con Asturias.
Capi por Luismi, única novidade na convocatoria do Pontevedra
Tras o último adestramento da semana realizado o venres no sintético da Xunqueira, Manu Fernández facilitou a lista de convocados, na que se rexistra un só cambio con relación á xornada anterior. Capi entra por primeira vez, tras cumprir a sanción que arrastraba da tempada pasada, en detrimento de Luismi, que queda fóra xunto aos lesionados Pablo Carnero, Tubo e Tomás.
Precisamente en canto aos homes que continúan no dique seco, preocupa especialmente a situación de Tubo, que non mellora dos seus problemas de ciática, e foi sometido a unha resonancia magnética para poder avaliar a orixe desas molestias. Pendente do resultado, témese a existencia dunha hernia discal.
Tomás e Pablo Carnero están a evolucionar positivamente, e mesmo o dianteiro realiza xa traballo co grupo, polo que se espera estea dispoñible nun par de semanas.
Deste modo, os 16 xogadores que viaxarán ata Ribadeo son: Edu, Lloves, Adrián, Pablo, Campillo, David Feito, Capi, Pedro García, Kevin Presa, Fran Fandiño, Anxo, Centrón, Jacobo, Mouriño, Benja e Jorge.
O equipo sairá cara a Ribadeo o domingo, ás 12:00 horas, facendo un alto no camiño en Vilalba para xantar.