Media hora nefasta conduce ao fracaso a un lamentable Pontevedra en Ribadeo (3-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Unha gasosa ao abrila dura con forza uns poucos minutos. Ao Pontevedra pasoulle exactamente o mesmo en Ribadeo. Catro minutos, dúas aproximacións á área local que parecían demostrar a superioridade que se lle supoñía e se rematou o gas.
Abondaron dous pelotazos cun mínimo sentido, dous balóns en longo do cadro local, para poñer ao descuberto a fraxilidade defensiva granate, case tanto como o defecto que xa apuntara nas dúas xornadas anteriores, cunha distancia entre liñas abismal, que facía imposible calquera posibilidade de combinación ou chegada con perigo.
David gañaba en velocidade unha e outra vez a David Feito. Pablo polo centro era unha coaba permitindo que Santi fixese de martelo pía. E o Ribadeo, humilde pero ambicioso, foise arriba. Coas ganas e a motivación como argumentos.
O sucedido na primeira media hora foi digno dunha película de terror para os granates e os seus afeccionados, que se durante a larguísima e pesada viaxe sufriron a intensa chuvia, asistían agora incrédulos ao ballón con que os castigou o cadro lucense.
O pesadelo comezou cando Vilela filtra un pase ás costas de Pablo que Javichu empalma de xeito inapelable. Era o minuto 4 e o Pontevedra acusou o golpe, tanto que aos 18 David se vai de Feito e centra para que Santi se anticipe de cabeza a un apático Pablo, facendo o 2-0.
Puido ser peor. A zaga granate, convertida en coaba, volve deixar só a David. O extremo aprovéitao para, con pouco ángulo, lanzar un duro disparo (minuto 20) que toca Edu o xusto para mandar o balón á travesa.
Dous minutos máis tarde de novo Javicho buscan e encontran as costas dos centrais granates. David tópase esta vez con Edu, que salva un gol que xa se cantaba nas bancadas.
Pero o terceiro tiña que chegar e chegou. Con algo tan simple como un rexeitamento orientado (minuto 27). A velocidade de David puxo en evidencia a Feito primeiro e a Pablo despois, servindo un centro atrasado que Santi tivo tempo de controlar no punto de penalti, antes de fusilar a Edu.
Había que facer algo para intentar arranxar o desastre. E fíxoo Manu Fernández cun dobre cambio nada máis cumprirse a media hora de partido. O técnico sentou a Jacobo e Feito, dando entrada a Fran Fandiño e Kevin Presa. O equipo cambiou de sistema, pasando a un 4-2-3-1, con Anxo reconvertido a falso lateral. E deixouse notar.
Agora o Pontevedra era un equipo máis compacto. E o Ribadeo empezou a sufrir cando precisamente Fran Fandiño recortaba distancias (minuto 37), aproveitando un mal rexeitamento do meta local Kiko. Centrón facía o segundo só catro minutos máis tarde, cun disparo dende a frontal que roza nas costas de Álex, para volver meter aos granates no partido e darlles a esperanza dunha remontada que apenas dez minutos antes se antollaba imposible.
Os comezos da segunda parte non foron para sentirse optimistas. Mesmo o Ribadeo tivo nas súas botas o cuarto, nun remate falido á saída dun corner. Os locais repregáronse buscando unha contra e ao Pontevedra custáballe chegar con perigo.
O primeiro sinal visitante deuna Anxo (minuto 60), cun duro disparo afastado que rexeita con apuros o meta, deixando o balón na cabeza de Jorge, que non acerta co portal, mentres Kiko respiraba aliviado.
No medio dun intenso trebón, co campo cada vez máis pesado, Manu Fernández dá entrada a Benja por Pedro García. Facían falta efectivos arriba e remate, mentres Fan Fandiño pasaba a dirixir a ofensiva partindo dende o centro do campo.
Todo foi inútil. Os granates estreláronse contra un ordenado, voluntarioso e traballador Ribadeo, que resistiu malia que Benja tivo nas súas botas un empate que non sería xusto (minuto 85). Evitouno baixo paus Isma, consumando o primeiro gran fracaso da tempada para un Pontevedra que debeu aprender que o campionato non será un camiño de rosas.
RIBADEO FC (3): Kiko (2); Coki (2), Brais (3), Álex (3), Isma (3); Dapo (2), Vilela (2); David (3), Santi (3), Javicho (3); e Cris (1).
Substitucións: Fernando (2) por Cris, minuto 60. Andrés (2) por Vilela, minuto 70. Miguel (s.c.) por David, minuto 84.
PONTEVEDRA CF (2): Edu (2); Adrián (1), Campillo (1), Pablo (0), David Feito (0); Pedro García (0); Centrón (1), Jacobo (0), Mouriño (2), Anxo (2); e Jorge (1).
Substitucións: Kevin Presa (1) por David Feito, minuto 31. Fran Fandiño (2) por Jacobo, minuto 31. Benja (1) por Pedro García, minuto 65.
Árbitro: Fernando Formoso Sánchez (Ferrol), auxiliado nas bandas por Javier Iglesias e Alejandro Rodríguez. Expulsou con vermello directo o xogador local Fernando (minuto 89). Amoestou a Santi e Álex, polo conxunto local, e a Adrián, polo Pontevedra. O árbitro principal lesionouse no primeiro tempo, polo que a segunda metade foi dirixida polo seu primeiro asistente, Javier Iglesias, quedando sen árbitro asistente para controlar o ataque do Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 4: Javicho. (2-0) Minuto 18: Santi. (3-0) Minuto 27: Santi. (3-1) Minuto 37: Fran Fandiño. (3-2) Minuto 41: Centrón.
Incidencias: Campo Municipal Pepe Barrera (Ribadeo). Uns 200 espectadores, case a terceira parte afeccionados visitantes. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Ramón José Dorrego, exdirectivo do club local. A Raíña das festas de Ribadeo, Paula Terrón, fixo o saque de honra. Ademais dos puntos en xogo, aproveitouse o partido para disputar o Trofeo Festas patronais de Ribadeo.