Pablo Carnero ao rescate dun necesitado Pontevedra fronte ao colíder Ribadumia
Por Ramiro Espiño
Dúas derrotas consecutivas e inesperadas, situado en metade da táboa. Debutante na categoría e cólider invicto. Cos papeis cambiados Pontevedra e Ribadumia enfróntanse por primeira vez en partido de oficial de liga (domingo, 18:00 horas, na Senra) nun partido histórico para o cadro local, e de temperás urxencias para os granates, baixo a dirección do colexiado pontevedrés Antonio Loira Rodríguez.
Con estas premisas, mentres en Ribadumia se espera o partido como algo histórico para o cadro local, en Pontevedra se respecta un rival que esperan crecido, especialmente motivado para a ocasión e ata se teme que un terceiro tropezo consecutivo poña en perigo prematuro a credibilidade dun proxecto presentado para ser campións e sacar aos granates do pozo da terceira división.
Tanto é así que Manu Fernández decidiu recorrer ao seu mellor home e máximo goleador do equipo a pasada tempada. Pablo Carnero sairá ao rescate dos seus compañeiros, incorporándose á convocatoria por primeira vez neste ano, se ben o seu rendemento é unha incógnita, xa que mantén molestias da lesión de púbis que arrastra.
O técnico granate explicábao así ao termo do adestramento do venres: "Pablo dice que tiene molestias pero que las soporta. Las lleva teniendo desde que empezó a entrenar, que no le remiten. Supongo que tendrá que convivir con ellas. Entonces es una tontería esperar más, porque no van a ir para atrás ni a mejorar, así que ya es hora de que participe".
Moitos son os integrantes do Ribadumia con pasado granate, empezando por todo o seu corpo técnico, con Gabi Leis á cabeza, o segundo adestrador, Fernando Sánchez, e o preparador físico, Félix Fernández Cao, ata unha larguísima lista de xogadores como Changui, ÿscar Río, Pacheco, Miguel, Bisti, Sylla, David Pérez, Jesu, Sidibé, Álex Gómez e Fran Matos.
Tres son as baixas coas que conta Gabi Leis. Fran Matos, Nelo e Álex non poderán aliñarse ante o Pontevedra, o que fai que o técnico aurinegro quede unicamente con 17 xogadores dispoñibles, aos que citou tras o último adestramento da semana, realizado na Senra na noite do venres, e dos que descartará un nos instantes previos ao partido.
Pola súa banda o cadro granate, que tamén fixo o último ensaio o venres, neste caso pola tarde no sintético da Xunqueira, ten as baixas de Tubo, que segue intentando recuperarse das molestias que lle ocasiona a hernia discal que padece, e Jacobo, sancionado pola expulsión sufrida fronte ao Deportivo B.
Os demais están a disposición de Manu Fernández, que como xa dixemos recupera a Pablo Carnero ante a importancia dos puntos en disputa, aínda que moi posiblemente reservará o seu concurso ata ver como transcorre o partido, tendo en conta que o máximo goleador granate da pasada tempada estará aínda falto de ritmo de xogo ao non ter tido pretempada como consecuencia da sua pubalgia.
Isto fai que o técnico teña que deixar fóra da convocatoria dous xogadores, sendo os prexudicados Benja e Tomás, co que a lista queda formada por: Edu, Lloves, Adrián, Campillo, Pablo, Capi, David Feito, Pedro García, Kevin Presa, Fran Fandiño, Mouriño, Anxo, Centrón, Luismi, Jorge e Pablo Carnero.