Un sensacional Teucro derrota o Bidasoa en Irún
Por Redacción
Amagara o Teucro con dar a badalada ante os mellores equipos da categoría. Barcelona e Gijón Jovellanos tiveran que sufrir do lindo para levarse os puntos nos seus enfrontamentos co conxunto pontevedrés, e á terceira foi a vencida.
O Bidasoa, ata agora terceiro clasificado, e que gañara todos os partidos disputados na súa cancha de Artaleku, se vió sorprendido polos de Javier Barrios, que levaron sempre a iniciativa e non acusaron as sensibles baixas coas que se desprazaron a Irún.
Espectacular partido de Toño Fernández, autor de 13 goles
Os comezos de partido do equipo azul foron toda unha declaración de intencións. Férrea defensa e sólido ataque, con paciencia en posicional, pero vertixinoso no contragolpe (espectacular a tarde de Toño Fernández, autor de 13 goles). O Bidasoa neutralizou a renda teucrista, pero pouco lle durou a alegría. O Teucro estaba intratable e soubo irse ao descanso cunha vantaxe de dous goles.
Na reanudación o cadro guipuscoano botou o resto logrando empatar (14-14), no minuto 7. Foi todo o que o Teucro o deixou facer. Os azuis non perderon a compostura nin se deixaron levar polos nervios e empezaron a poñer distancia no electrónico.
A falta de cinco minutos o partido estaba resolto, con cinco arriba para o Teucro. O Bidasoa mete o partido nun tolo carrusel, pero o Teucro non perde a cara e acepta o intercambio de golpes e goles (nove entre os dous equipos neses cinco minutos finais) para rematar cunha vitoria que o sitúa na sexta posición da táboa, a só tres puntos do propio Bidasoa.
C.D. BIDASOA (26): Mouriño, Zubiría (p.s.), Ugarte, Gimeno (5), Crowley (2), Rincón (3), Aldunate, Aramburu (3), Azkue (7), Álvarez (6), Ánder Martín e Ánder Ruiz.
SD TEUCRO (30): Juan Bar, Aaron, César Armán, Carlos Pombo, Toño Fernández (13), Alejandro Pombo (1), David Chapela (4), Tomás Moreira (4), José Manuel Rial (3), Didac Villar (2), Sío López, Borja Pedreira (3), Tomás Dobarro (p.s.).
Árbitros: Luciano Adrián Bru e Sergi Mejías Rodríguez (Cataluña). Excluíron por dous minutos a: Gimeno, Rincón, Aldunate (2), Alejandro Pombo, David Chapela, Tomás Moreira, Rial e Borja Pedreira.
Marcador (cada cinco minutos): 0-3, 2-3, 3-6, 5-8, 8-10, 10-12 (descanso), 12-14, 15-15, 17-18, 19-23, 21-26 e 26-30 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de Artaleku, Irún. Uns douscentos espectadores. Gardouse un minuto de silencio por falecemento de Fernando Etxepare Díaz, director do Coro Betiko Ametsa.