Un gol de Valiñas no desconto permite ao Marcón salvar un merecido punto (2-2) ante o Villalonga
Non unha, senón dúas veces, tivo que remontar o Marcón un marcador en contra para salvar un punto contra o Villalonga. Primeiro tivo que repoñerse a un gol que chegaba cando o público do Carrasco aínda non rematara de sentarse nas bancadas. Despois a un tanto de penalti, unha pena máxima que lles deixou con dez os últimos vinte minutos de partido. Un empate a dous que fai xustiza ao visto sobre o terreo de xogo.
A afección local enmudecía nada máis comezar o partido. Un erro no centro do campo foi a orixe do 0-1. O Villalonga lograba sorprender o seu rival cun rápido contraataque que desmontaba a zaga local, permitindo a Cerqueiras bater sen problemas a Vladi. O gol desarmou por completo un Marcón que estivo a buscar preto de vinte minutos o seu lugar no campo, incapaz de frear o xogo dos de Sanxenxo.
Pouco a pouco, os homes de Carlés fóronse achegando timidamente á área rival, pero sen puntaría ningunha. Un saque de falta de Iván que detivo Berto sen problemas e un centro moi forzado de Gelillo que non encontrou rematador foron as súas únicas aproximacións con certo perigo. Estivo máis preto o 0-2, cando no minuto 35 un disparo de Paco á dereita de Vladi se ía fóra por moi pouco.
Tras o descanso invertéronse os papeis e viuse un Marcón moi diferente. Dende o primeiro minuto, os pontevedreses fixéronse co control do balón e a entrada de dous homes determinantes, Martín e Sapi, deron ao equipo maior velocidade e profundidade en ataque. O primeiro aviso chegaba no minuto 48. Tras un bo pase de Iván, Gelillo superaba por alto a Berto, pero o balón desviábao baixo os paus a zaga visitante.
O empate a un chegaba quince minutos despois. Un disparo de Sapi íase ao longueiro e o rexeitamento caía nos pés dun Martín que marcaba a pracer. Pero xusto cando mellor estaba o Marcón, produciuse a xogada que a punto estivo de decantar o partido. Vladi derrubaba na súa área a Machu e o árbitro non dubidaba en pitar o penalti e en expulsalo con vermello directo. Antonio foi o autor do 1-2. Joaquín adiviñou as súas intencións, pero non chegou a deter o balón.
Era o minuto 74 e ao Marcón, a diferenza da primeira parte, non lle afectou o gol. A pesar de xogar cun home menos, buscou o empate sen descanso. E lográbao no desconto. Polos cambios e a atención a varios xogadores, entre eles a Vladi que se golpeou na cabeza na xogada do penalti, o árbitro descontou case sete minutos. E foi xusto no último instante cando, tras varios disparos que foron rexeitados por Berto, Valiñas facía o 2-2 definitivo en medio do xúbilo nas bancadas.
MARCÿN ATLÿTICO (2): Vladi, Marcos, Álvaro (Joaquín, minuto 74), Racha, Arturo, Aarón (Martín, minuto 62), Iván, Fernando (Valiñas, minuto 50), Gelillo (Rodri, minuto 83), Héctor y Diego Blanco (Sapi, minuto 50).
VILLALONGA FC (2): Berto, Paco (Campos, minuto 56), Darío, Manu, Ramón (Manu Nieto, minuto 75), Antonio, Héctor (Machu, minuto 62), Alberto Villar (Adrián Santos, minuto 80), Alberto Rey, Cerqueiras (Víctor Giao, minuto 89) y Arias.
Goles: (0-1) Minuto 1: Cerqueiras. (1-1) Minuto 63: Martín. (1-2) Minuto 74: Antonio, penalti. (2-2) Minuto 96: Valiñas.
Árbitro: Xesús Fontes Mosqueira, auxiliado nas bandas por Nicolás Elespe e Logan Sampedro. Amonestou a Diego Blanco, Marcos, Iván, Sapi e Vladi (vermello directo), por parte do Marcón; e a Antonio, Paco, Adrián e Darío, polo Villalonga.
Incidencias: Partido disputado no campo do Carrasco (Marcón). Uns 300 espectadores.