Aberto o prazo de inscrición para a San Silvestre
Por Diego Espiño
A conta atrás para a San Silvestre de Pontevedra 2012 comezou. A Sociedad Gimnástica, organizadora da carreira popular que despide o ano, abriu o prazo de inscrición para todos os interesados en participar nos catro quilómetros de celebración deportiva polas rúas da cidade.
A proba sairá dende a Avenida Montero Ríos o día 31 de decembro ás 17:00 horas, mantendo o seu percorrido habitual, pero para poder tomar parte os corredores deberán inscribirse previamente na web da organización, www.sgpontevedra.com, antes do día 26, este inclusive. A partir do 27 habilitaranse lugares para a recollida de dorsais intentando evitar aglomeracións de última hora. Só os participantes de fóra de Pontevedra poderán anotarse excepcionalmente de 3:30 a 4:30 o mesmo día 31 no lugar de saída.
En 2011 foron ao redor de 2.500 atletas os que tomaron a saída, un éxito de participación que se intentará repetir nesta 29ª edición da San Silvestre. Entre todos eles non haberá unha clasificación xeral, posto que como asegura a Sociedad Gimnástica, "o obxectivo é despedir o ano facendo deporte". O gañador con todo recibirá o tradicional lacón e os tres primeiros un trofeo conmemorativo.
A organización, como cada ano, solicita a colaboración dos participantes colaborando na recollida de alimentos non perecedoiros que serán entregados ao comedor social de San Francisco. A pasada edición conseguíronse colleitar aproximadamente 40 toneladas.