O Arxil regresa de baleiro de Oviedo onde perde (62-46) ante o Universidade
Por Redacción
Non o tiña doado o Arxil para emendar a súa traxectoria e conseguir a primeira vitoria da tempotada. Visitaba a cancha do Universidade de Oviedo, terceiro clasificado na Liga Feminina 2, que fixo bos os prognósticos, logrando unha clara vitoria por 62-46.
O equipo asturiano tomou o mando do partido dende o salto inicial, logrando unha cómoda renda de 38-21 ao descanso, que practicamente sentenciaba o desenlace do choque. Na reanudación, entre o conformismo local e a melloría pontevedresa, o Arxil chegaría a poñerse a só oito puntos, pero aí rematouse a reacción, xa que o último cuarto de novo o Universidade foi mellor e volveu ampliar a renda ata eses 16 puntos de marxe.
A destacar no plano individual o papel de Sara Fernández, con 20 puntos, 9 rebotes e 25 de valoración, e o dobre-dobre de Carolina Hernando, con 10 rebotes e 12 puntos. O Arxil tivo na rusa Fedorova a súa mellor xogadora, cuns grandes números de 16 rebotes e 17 puntos.
UNIVERSIDADE DE OVIEDO (62): Swinnen (4), Sara Fernández (20), Lara Fernández (6), Ana Díez, Andrea Malanda (10) -cinco inicial-, Miriam Díaz, Lara González (2), Matemalas (2), Paula Bergel (4), Carolina Hernando (12) e Sheila Cuesta (2).
C.B. ARXIL (46): Sandra Entenza (5), Ana Martín (10), Carla (4), Zara (5), Olga Fedorova (17) -cinco inicial-, Mariña, Jara Tuda (2), Cristina Díaz (3) e Natalia Soage.
Árbitros: Raúl Alonso Morán e Fernando Fuertes González.
Parciais: 19-10, 38-21 (descanso), 44-34 e 62-46 (final).
Incidencias: Pavillón Universitario de Oviedo. Uns 100 espectadores.