O Waterpolo Galaico organiza unha cea de Nadal para recadar fondos
Por Redacción
Reunir a xogadores, pais, amigos ou colaboradores para celebrar as festas e de paso recadar fondos que axuden a cadrar as contas anuais da entidade. ÿ o obxectivo do Club Waterpolo Galaico coa cea de Nadal que planea para o día 22 de decembro ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A entidade sostén que se lanza a organizar o evento debido a que "os elevados gastos de desprazamentos e partidos que o club ten ao longo da tempada son cada vez maiores ao reducirse as axudas tanto públicas como privadas".
O Waterpolo Galaico realizará ademais un sorteo de material deportivo cedido por xogadores da Selección Española, como o equipamento que luciron en Londres Iñaki Aguilar e Xavi García, e por algúns clubs de División de Honra.
Por 15 euros para os nenos e 20 para os adultos colaborarase no mantemento das ecuelas deportivas da entidade, que ademais abriu unha conta bancaria a modo de cadeira cero para todo aquel que queira achegar o seu gran de area (nº 2080 5419 91 3040111461).
As invitacións poderán retirarse nas oficinas do Galaico no Complexo Deportivo Rías do Sur os martes e venres, de 19:00 a 21:00 horas, ata o día 18 de decembro.