O Nacional de taekwondo despídese de Pontevedra con medallas de ouro para Mace Sport e Katia Calvar
Broche de ouro para o Mace Sport no Campionato de España de clubs de Taekwondo. O conxunto pontevedrés impúxose con autoridade na modalidade de exhibición e proclamouse campión de España diante da súa afección. No medio dun gran ambiente, estes dous últimos días a competición volveu atraer ao Pavillón Municipal dos Deportes a centos de persoas que gozaron coas habilidades dos deportistas.
O Mace Sport, grazas a un exercicio moi correcto e case sen erros logrou o título de campión de España na categoría adulta. Hai un mes xa lograra o título de campión galego por vez primeira, así que tempada redonda para os pontevedreses. Na segunda posición quedou o Tao de Vigo, cun gran traballo sobre o tapiz, aínda que decidiu algún erro nos rompementos. O podio completouse con Olimpic de Vilagarcía e Couto de Ourense.
Ademais, os pontevedreses lograron a medalla de prata na categoría infantil. Foi nunha proba na que Galicia, igual que entre os adultos, foi a absoluta dominadora. O título de campión de España foi para o Yidam CEIP Balaídos de Vigo, conxunto que logrou tamén o bronce cunha segunda formación, neste último caso empatados co Tao vigués.
Pola súa banda, na modalidade de freestyle coa que comezaba a cuarta e última xornada destes campionatos, proclamouse campión de España o Olimpic de Vilagarcía, mentres que o Mace Sport foi prata e o Hebe bronce.
A nivel individual houbo unha grande colleita galega, con oito medallas individuais e sete para parellas e quintetos. Nesta ocasión, o Mace Sport sumou a medalla de ouro de Nazaret Licer e Marcos Silva (parellas 12-17 anos), a prata do quinteto formado por Ángel López, Sarai Pazos, María Peón, Yago Pita e Adrián Ventín e os bronces de Ángel López Ventín (12-17 anos) e Ángel López Ventín e Sarai Pazos (parellas 12-17 anos).
KATIA CALVAR, OURO NOS COMBATES SÿNIOR
Na xornada do domingo, durante o que se celebraron os combates da categoría sénior, a grande protagonista foi Katia Calvar (Mats Marín), que logrou a única medalla de ouro para o taekwondo galego. Foi na proba de -67 quilos, aínda que non foi un camiño doado para ela.
Na primeira rolda eliminou con bastante superioridade á Cristina López (San Agustín), para enfrontarse nos cuartos de final a Lúa Piñeiro (Natural Sport Videlgi). Foi un enfrontamento durísimo e moi apertado que se tivo que decidir no punto de ouro a favor dela. Seguiu dando pasos adiante contra outra galega, Odhra Di Martino (Hebe) á que eliminou nas semifinais. No último e definitivo combate gañou a María Díaz (Crazy Jumpers).
Ademais, houbo dez bronces galegos. Na categoría feminina foron Laura Lorenzo (Tao, -46), Marta Iglesias (Patiño Moaña, -57), Odhra Di-Martino (Hebe, -67) e Natalia Vázquez (Suh Sport, +73). Na categoría masculina recibiron os bronces Borja Ríos (Hebe, -58), Fernando Rascado (Natural Sport Videlgi, -74), Raul Cancelas (Patiño Moaña, -74), Cristian Conde (As Sport, -80), Ángel Parada (Natural Sport Videlgi, -80) e José Real (Natural Sport Videlgi, -87).
Na clasificación de clubs proclamouse campión de España A. Muñoz Monteoliva, mentres que a segunda posición foi para Sánchez Elez-Sanabria e o terceiro clasificado foi o Taekwondo Miguel Orts.
Con estes dous últimos días de competición rematou un Campionato de España de Clubs de Taekwondo que reuniu en Pontevedra a máis 1.500 deportistas, case 500 técnicos e uns 100 xuíces, o que sumado aos seus acompañantes permitiu un magnífico ambiente na cidade durante toda esta ponte festiva.
Relacionadas:
-
Lúa Piñeiro, Javier González e Sara Cortegoso, medallistas no Open de Grecia de taekwondo
Por Redacción |
-
O Open de Grecia, parada dos taekwondistas pontevedreses
Por Redacción |
-
Nicolás Argibay (Taekanart), elixido como mellor competidor do Campionato Galego de Combate
Por Redacción |
-
Oito medallas para o Mat's Marín e o Mace Sport nos combates cadete e júnior do Nacional de clubs
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Triunfo do Mace Sport na primeira xornada do Campionato de España de clubs de taekwondo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |