Poio presume de deporte municipal coa presentación das súas escolas deportivas
Por Diego Torrado
Poio presumiu esta fin de semana da gran saúde da que gozan as súas escolas deportivas, nas que actualmente están inscritos uns 650 nenos. Foi durante a presentación oficial dos equipos e disciplinas cos que conta o deporte municipal, un acto que se celebrou no pavillón da Seca. Durante o mesmo rendeuse unha sentida homenaxe a Juan López, presidente honorífico destas escolas, cuxo falecemento coñeceuse horas antes do evento.
Actualmente Poio conta, entre outras, con escolas municipais de fútbol, fútbol sala, balonmán, ximnasia rítmica, piragüismo, vela, duatlón, tenis ou taekwondo.
Algunhas dos nenos e nenas que integran estas escolas deportivas participaron, durante esta multitudinaria gala, en diferentes exhibicións.
Ademais, esta presentación das escolas deportivas de Poio tivo un perfil solidario. Aproveitando esta iniciativa, voluntarios da agrupación de Protección Civil, en colaboración coas concellarías de Deportes e Benestar Social, organizaron unha recollida de alimentos non perecedoiros que, unha vez ordenados, serán remitidos ao banco de alimentos de urxencia social do Concello de Poio.