David Cal queda fóra das axudas da Xunta a deportistas de alto nivel
Por Diego Espiño
A Fundación Deporte Galego, organismo dependente da Xunta de Galicia, deu a coñecer este martes a resolución da primeira fase das Axudas Galicia-Río para deportistas de alto nivel.
Entre beneficiarios encóntranse, como cabía esperar, o campión do Mundo de Tríatlon, Javier Gómez Noya (9.000 euros), a campioa olímpica de vela Támara Echegoyen (9.000 euros), Fernándo Echávarri (7.000 euros), Antón Paz (7.000 euros), a nadadora Beatriz Gómez Cortés (3.000 euros) ou a tekwondista caldense Lúa Piñeiro (3.000 euros).
Tamén foron incluídos o ciclista paralímpico do Froiz José Enrique Porto (9.000 euros) ou Chano Rodríguez, nadador vigués do Club Natación Galaico (9.000 euros).
Polo contrario entre os excluídos por diferentes motivos encóntrase, entre outros, o deportista olímpico español máis laureado da historia, David Cal.
Segundo a resolución Cal quédase fóra destas axudas ao "non presentar toda a documentación requirida nas bases da convocatoria".
Polo mesmo, ademais de "non cumprir cos criterios deportivos do apartado 6.3. das bases", tamén saíu prexudicado o taekwondista de Poio Xián Silva.
Outros excluídos foron o regatista Carlos Paz, o piragüista e campión olímpico Carlos Pérez 'Perucho' ou a atleta ribeirense Ana Peleteiro, campiona mundial júnior de triplo salto en 2012.
A convocatoria pública, que pode consultarse na páxina web www.deporte.xunta.es, está dotada con 133.000 euros e chega a 29 deportistas de alto nivel.