Sancionan con só 20 euros a pelexa multitudinaria no campo de Monte Porreiro
Por Diego Espiño
"Incidentes de público de carácter leve", así cualifica o Comité Territorial de Competición da Federación Galega de Fútbol a pelexa multidinaria entre xogadores e afeccionados de Monteporreiro e Xeve no campo do primeiro ao termo do encontro que enfrontou a ambos na Terceira Rexional.
A consecuencia do tumulto no que estiveron implicadas preto de 70 persoas, segundo directivos do Xeve, redúcese así a unha irrisoria multa de 20 euros para a Sociedade Deportiva Monteporreiro, equipo que exercía de local, ademais da sanción dun partido a un dos seus xogadores por protestar de forma airada unha decisión arbitral nese mesmo encontro.
A espectacularidade do incidente, que avanzou PontevedraViva, fixo que desde a bancada se alertase á Policía Nacional, que acudiu ao campo de fútbol. Ante a falta de lesións e denuncias os axentes non chegaron a levantar atestado, pero o colexiado do encontro si recolleu os feitos no acta arbitral.
Un día depois da pelexa, Xeve apareceu cheo de pintadas insultantes nun acto vandálico que foi relacionado polos integrantes do equipo visitante como consecuencia directa dos feitos acontecidos en Monte Porreiro.