Xornada redonda para o Teucro que sofre para gañar (35-32) o BM Alcobendas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Xornada redonda para o Teucro. Os seus catro inmediatos perseguidores caían derrotados e os azuis tiraron proveito ampliando a diferenza á fronte da táboa, tras derrotar un incómodo BM Alcobendas nun partido complicado, abrindo unha importante brecha de seis puntos con respecto ao segundo clasificado.
As noticias que chegaban doutras pistas acrecentaban a importancia de conseguir derrotar un Alcobendas en alza. Go Fit perdía por un só gol en Antequera. Palma do Río caía tamén pola mínima en Irún. Valladolid perdía igualmente no feudo do Nava.
Só faltaba que os de Quique Domínguez derrotasen os madrileños. E fixérono. De forma apurada pero xusta. Superando as dificultades que sempre depara a volta á competición tras o parón do Nadal. E superando igualmente os contratempos en forma de lesións de homes fundamentais na engrenaxe defensiva azul como Marcos Dorado e Víctor Rodríguez, que non puideron recuperarse a tempo e cuxa ausencia se deixou notar.
Os teucristas saíron mentalizados. Froito diso o seu ataque funcionaba con fluidez logrando as primeiras diferenzas importantes (9-5) cando aínda non se chegara ao ecuador do primeiro tempo. Edu Moledo resultaba un pesadelo para os madrileños, que non sabían como paralo.
Pero un par de precipitacións en ataque permitiron aos visitantes meterse no partido. Llopis encontrou a distancia de lanzamento e o Alcobendas púxose a só dous goles.
Novo estirón local, despois dun oportuno tempo morto de Quique Domínguez e o Teucro eleva a diferenza a seis goles (17-11, minuto 24), agora da man do outro extremo, Carlos García.
Parecía encarrilado, pero de novo o Teucro precipítase nas accións de ataque permitindo ao rival achegarse a dous goles, momento no que chega unha das accións clave, cando Llopis, o mellor e máis efectivo lanzador visitante, perde os nervios e lanza unha labazada a Borja Pedreira que lle custa a descualificación directa.
O Teucro aprovéitao e pecha o primeiro tempo cun gol espectacular de David Chapela en dobre "fly" iniciado por Dani Hernández con Edu Moledo.
Pero con todo a favor os locais complícanse sólos e permiten por terceira vez que os madrileños se metan no partido. Despois duns comezos de segundo tempo con pouca intensidade defensiva, o Teucro acumula erros e o Alcobendas fai un parcial de 0-4 para igualar (22-22, minuto 40), obrigando a Quique Domínguez a pedir tempo morto.
E non quedaron aí as cousas. Alcobendas fixo da necesidade virtude e, ante a ausencia do seu brazo lanzador, xogou máis en equipo conseguindo poñerse por diante, aínda que só por un gol. O partido entra nunha dinámica de igualdade con sucesivos empates e diferenzas mínimas para os visitantes, ata os últimos dez minutos.
Os visitantes acusaron o esforzo e o Teucro, superior no físico (bendito Toño Puga), impúxose. No día dos extremos, Adrián Pumar devolvía a dianteira aos locais, mentres que Carlos García, infalible dende os sete metros (8 de 8), daba aire a un Teucro que entraba nos últimos cinco minutos con tres tantos de vantaxe e un complicado partido resolto.
SD TEUCRO (35): Ricardo Amérigo; García Pichel (6), David Chapela (5), Adrián Pumar (3), Gonzalo Carró (2), Dani Hernández (2), Edu Moledo (6) -sete inicial-, Iago Gómez (p.s.); Anxo Otero, Iván Fernández, Carlos García (11, 8 de penalti), Borja Pedreira, José Carlos Ameijeiras, Sergio Altirriba e Felipe Lorenzo.
BM ALCOBENDAS (32): Andrés Delgado; César Beret (5), Santiago López (4), Catalina (8, 5 de penalti), Sergio García, Alberto Gómez (1), Prieto (2) -sete inicial-, Carlos Calle (p.s.); Kramarz (1), Carlos Barroso, Velasco (2), Llopis (5), Barba (2), Gimeno e Héctor González (2).
Árbitros: Jesús Álvarez Menéndez e José Carlos Friera Cavada (Asturias). Descualificaron con vermello directo o xogador madrileño Llopis (minuto 28) por dar unha labazada a Borja Pedreira. Excluíron por dous minutos a Borja Pedreira, Gonzalo Carró (2) e Carlos García, polo Teucro, e a César Beret, Sergio García (2) e Kramarz, polo Alcobendas.
Marcador (cada cinco minutos): 3-3, 6-4, 9-7, 13-10, 17-12, 19-15 (descanso), 22-18, 22-21, 24-25, 27-27, 31-28 e 35-32 (final)
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 600 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro pecha unha primeira volta máxica cunha vitoria de prestixio (28-33) en Palma del Río
Por Redacción |
-
A resonancia magnética descarta unha lesión grave no xeonllo de Marcos Dorado
Por Diego Espiño |
-
Un Teucro entre algodóns recibe o complicado Alcobendas na súa volta á competición
Por Diego Espiño |
-
Derrota doce do Teucro ante o Granollers (34-37) no colofón dunha intensa xornada festiva
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O Teucro inicia unha minipretempada de dúas semanas coa mente posta no Alcobendas
Por Diego Espiño |