Iago Gómez convértese en xigante e dá ao Teucro unha vitoria agónica (25-24) sobre Bidasoa
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Iago Gómez. A vitoria do Teucro, sufrida máis que nunca, traballada como poucas, nun partido espeso en ataque dos azuis, ten nome propio e non é outro que o do porteiro teucrista, que dende que saíu a substituír ao seu compañeiro Ricardo Amérigo, foi crecendo máis e máis ata converterse nun xigante que primeiro sostivo o equipo, permitindo a súa remontada, e logo salvou a vitoria cunha parada milagrosa a Crowley, só en seis metros, a falta de dous segundos para o final.
Non estivo cómodo o Teucro en pista ao longo de todo o partido. Tras levar a iniciativa nos minutos iniciais, a súa defensa 3-2-1 non funcionaba, permitindo que os irundarras encontrasen con facilidade cómodas posicións de lanzamento. A consecuencia foi que o conxunto visitante lograse unha primeira renda importante (3-7), aos 11 minutos.
Quique Domínguez pide o seu primeiro tempo morto, pasando a defensa 6-0, o que corta a progresión de Bidasoa, pero o ataque seguía sen funcionar, acusando en exceso a baixa do seu central, David Chapela, sen que nin Borja Pedreira, nin Dani Hernández, nin tampouco Víctor Rodríguez ou García Pichel, que se alternaban no posto, lograsen dirixir con fluidez o xogo do equipo.
Aínda así o Teucro comezou a recortar diferenzas, e mesmo dispuxo de varios balóns para neutralizar a vantaxe rival, todos eles desaproveitados por erros na finalización, estrelándose contra o muro dun Bidasoa que facía valer a súa superioridade en centímetros.
Alternando distintas variantes defensivas, o Teucro conseguiu chegar ao descanso a pouca distancia do seu rival, pero consciente de que a vitoria tería que pasar obrigadamente por unha notable melloría no xogo de ataque.
Non chegou esa melloría. Polo menos non o fixo coa continuidade necesaria. A falta diso apareceu a solución baixo os paus, cun Iago Gómez que crecía a medida que avanzaba o partido sostendo o seu equipo con paradas de todos os tipos e cores. O Teucro saíu ben, logrando empatar (13-13) no primeiro minuto da reanudación.
A reacción viuse abortada por unha dobre e inoportuna exclusión de Borja Pedreira e Dani Hernández. Aprovéitao o Bidasoa, que volve escaparse de tres.
Mediado o segundo tempo o Teucro entra en plena crise atacante, con case sete minutos sen conseguir anotar, mentres Iago Gómez siguía mantendo o equipo no partido. A pesar diso os irundarras logran de novo a máxima vantaxe do partido (17-21, minuto 47). E aquí comeza un partido novo.
Non é que os locais mellorasen en ataque, pero polo menos evitaban os erros. Quique Domínguez recorría ao dobre pivote para intentar paliar as dificultades de lanzamento da súa primeira liña.
A falta de oito minutos o Teucro nivelaba o marcador cun gol de rosca de Marcos Dourado que levanta a unha bancada enmudecida durante boa parte do partido, para convertela nun clamor.
Pero aínda quedaban emocións fortes. O Teucro dispón de dous ataques para poñerse por diante que non aproveita. Bidasoa marca e con 23-24 no marcador, dispón dun penalti para sentenciar, a falta de tres minutos. Richi Amérigo sae á pista e súmase á festa do seu compañeiro, parando o lanzamento de Crowley, que ata entón tivera unha efectividade total.
Dani Hernández converte o 24-24 e Gonzalo Carró fai o 25-24. Quedaba tan só 1' 10". Víctor Rodríguez forza con intelixencia unha falta en ataque dos visitantes, pero Edu Moledo falla a sentenza, lanzando fóra a falta de 18 segundos. Tempo abondo para unha transición rápida con pase aos 6 metros para Crowley. O bo extremo irundarra soñará con Iago Gómez, que tapou a súa portaría a falta de dous segundos, deixando a vitoria na casa. ÿ o que teñen os grandes equipos, que gañan mesmo cando non teñen o seu día.
SD TEUCRO (25): Ricardo Amérigo; García Pichel (4), Gonzalo Carró (1), Carlos García (7, 5 de penalti), Borja Pedreira (2), Dani Hernández (5), Edu Moledo (3) -sete inicial-, Iago Gómez (p.s.); Anxo Otero, Adrián Pumar (1), Marcos Dorado (1), Víctor Rodríguez, Iván Fernández (1), José Carlos Ameijeiras e Sergio Antirriba.
BIDASOA IRÿN (24): Asier Zubiría; Iñaki Cavero (1), Goran Trkulia (2), Crowley (9, 2 de penalti), Iriarte (1), Iago Muiña (2), Jon Azkue (3) -sete inicial-, Mikel Mindegia (p.s.); Jon Imanol, Mikhail Revin (5), Amer Zildic (1), Gimeno, Pedro Fuentes e Mikel Alzaga.
Árbitros: Efrén Muñoz Díaz e Julio Posada González (Madrid). Excluíron por dous minutos a Borja Pedreira, Dani Hernández e Marcos Dorado (2), polo Teucro, e a Amer Zildic, Iago Muiña (2), Iñaki Cavero (2), Mikhail Revin e Goran Trkulia, polo Bidasoa.
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 3-4, 5-8, 8-9, 10-11, 11-13 (descanso), 14-16, 16-18, 16-19, 19-21, 23-23 e 25-24 (final)
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Nin a caseira actuación arbitral frea un Teucro máis líder tras gañar (32-38) ao Maristas Algemesí
Por Redacción |
-
O Teucro, a evitar confianzas na cancha do vicecolista Maristas Algemesí
Por Ramiro Espiño |
-
David Chapela estará polo menos dúas semanas máis de baixa
Por Diego Espiño |
-
O Pavillón Municipal prepárase para "un partido grande" entre Teucro e Bidasoa
Por Diego Espiño |
-
Concurso de 'selfies' para promover a campaña de abonados do Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro pecha unha primeira volta máxica cunha vitoria de prestixio (28-33) en Palma del Río
Por Redacción |