Nin a caseira actuación arbitral frea un Teucro máis líder tras gañar (32-38) ao Maristas Algemesí
Por Redacción
Custou traballo. Máis do previsto se unicamente se mira a diferenza na clasificación entre ambos os dous equipos. O Teucro non estivo fino en defensa fronte ao Maristas Algemesí, pero supliuno cun ataque demoledor para romper o partido mediado o segundo tempo e traerse dous novos puntos que lle fan máis líder despois da derrota o sábado do Valladolid en Irún.
O Teucro levou a iniciativa durante toda a primeira parte, se ben o seu dominio estivo marcado ao ritmo das tres exclusións sufridas neste período, por ningunha do seu rival, que evitaron que a diferenza a favor do conxunto azul se consolidase.
Por dúas veces os de Quique Domínguez chegaron a dispoñer dunha máxima vantaxe de tres goles, pero a exclusión de Dani Hernández, primeiro, e de Edu Moledo, a falta de menos de dous minutos para o descanso, serviron aos valencianos para volver meterse no partido, con dous goles de Luisma Lorasque no minuto final, que deixaron o luminoso nun mínimo 15-16 para os pontevedreses, coas espadas en todo o alto para a segunda parte, e o testemuño de que ao Teucro lle custara máis do esperado axustar a súa defensa.
Os comezos da segunda parte pareceron incrementar as dificultades para un Teucro que seguía sufrindo e que vía como o seu rival lograba mesmo empatar o partido. Os de Quique Domínguez apoiados ata entón no acerto lanzador de Dani Hernández, encontraron por fin outras solucións e deron un novo estirón, cun parcial de 1-4, para recuperar a vantaxe de tres (19-22, minuto 39), agora con Edu Moledo e García Pichel como estiletes.
Mediado o segundo tempo o técnico local víase obrigado a pedir tempo morto para intentar frear a escapada teucrista. A defensa pontevedresa seguía sen funcionar como adoita facelo, pero o ataque resolvía os males e no intercambio de goles en que entrou o partido o Teucro impoñía a superior calidade individual dos seus homes.
Entón chegou ao primeira exclusión sufrida polos levantinos. Vicente Benito íase ao banco dous minutos, e aínda que o Teucro non tirou proveito desa superioridade en pista, polo menos si que freou as opcións locais de intentar nivelar de novo a contenda. A cada gol local respondía o Teucro case de inmediato, mantendo esa diferenza de tres.
Superado o ecuador deste segundo período, Algemesí foi incapaz de manter o ritmo, e o Teucro certificou a súa superioridade. Carlos García, Dani Hernández e Edu Moledo seguían machucando a portaría local. Os azuis fan un parcial de 2-6 en pouco máis de cinco minutos, para poñerse 26-32, a falta de menos de 10 minutos.
O Teucro chegou a quedar con só tres xogadores de campo en pista, sufrindo sete exclusións por só dúas do seu rival
Sería definitivo, a pesar da segunda exclusión de Dani Hernández, e a caseira actuación arbitral, empeñada en darlle emoción aos últimos minutos, sinalando unha exclusión dobre a Gonzalo Carró, seguida doutra de Adrián Pumar, para deixar ao Teucro con só tres xogadores de campo en pista, a falta de algo máis de cinco minutos.
Nin así puideron evitar a vitoria pontevedresa, pero si maquillar un resultado que puido ser máis amplo e que deixa ao Teucro máis líder.
MARISTAS ALGEMESÍ (32): Dani Arguillas, Salva Sales; Vicente Benito, Gerardo Borrás (3), Vicente Botella, Carlos Esquer (1), Sergio Herránz, Luisma Lorasque (13), José Andrés Marco (3), Joaquín Martínez (3), José Carlos Moreno (2), Jaime Navarro, Salvador Pastor, Agustín Vidal (7) e Pau Sales.
SD TEUCRO (38): Ricardo Amérigo, Iago Gómez; Gonzalo Carró, Marcos Dorado, Borja Pedreira (2), Carlos García (9), David García Pichel (5), Dani Hernández (11), Edu Moledo (8), Adrián Pumar (2), Víctor Rodríguez (1) e Iván Fernández.
Árbitros: Juan Bautista Lanuza Alonso e José Ramón Sáez López (Valencia). Excluíron por dous minutos a Vicente Benito e Carlos Esquer, polo Algemesí, e a Marcos Dorado, Dani Hernández (2), Adrián Pumar, Gonzalo Carró (2) e Edu Moledo, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 3-4, 5-8, 8-10, 11-12, 12-14, 15-16 (descanso), 18-18, 20-23, 24-27, 26-31, 30-34 e (final).
Incidencias: Pavillón 9 de Octubre (Algemesí-Valencia). Uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Ricardo Amérigo salva o Teucro no seu día máis espeso (29-26) fronte ao Torrelavega
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
As persoas que vaian disfrazadas ao próximo partido do Teucro entrarán gratis
Por Redacción |
-
O Teucro, a evitar confianzas na cancha do vicecolista Maristas Algemesí
Por Ramiro Espiño |
-
David Chapela estará polo menos dúas semanas máis de baixa
Por Diego Espiño |
-
Iago Gómez convértese en xigante e dá ao Teucro unha vitoria agónica (25-24) sobre Bidasoa
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |