Ricardo Amérigo salva o Teucro no seu día máis espeso (29-26) fronte ao Torrelavega
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Duelo de porteiros e complicacións inesperadas as que tivo o Teucro para impoñerse ao pechacancelas Torrelavega, que mandou no marcador durante gran parte do partido, aproveitando os innumerables erros cometidos polo conxunto azul. A actuación baixo paus de Ricardo Amérigo na segunda parte, equilibrou o partidazo do porteiro visitante, Jacob Melián, permitindo a remontada teucrista na recta final.
Antes de comezar o partido coñecíase o resultado do encontro que enfrontaba aos dous inmediatos rivais do Teucro. Go Fit e Atlético Valladolid repartíanse os puntos, ou deixábanse un cada un no camiño, o que daba aos de Quique Domínguez a posibilidade de ampliar a vantaxe sobre ambos os dous, deixando os cántabros a oito puntos e aos pucelanos a nove, a falta de só 12 xornadas. Catro partidos de marxe, como mínimo, para manter un liderado cada vez máis sólido.
E os azuis non fallaron, aínda que sufriron ata o final, vítimas dos seus moitos erros en ataque. Os cántabros chegaban coa baixa do seu mellor home, Abel Lamadrid, ademais da de Joaquín Marcos, compensada en parte pola ausencia nos locais da súa central, David Chapela. Pero curiosamente foi o Teucro o que a acusou máis.
O equipo local saíu con pouca intensidade defensiva e menos fluidez nas súas accións de ataque. As consecuencias levaron ao que posiblemente sexa o peor primeiro tempo realizado no que vai de tempada. Nada saíu ben. A primeira liña en ataque, espesa e incapaz de encontrar solucións nin opcións de lanzamento, tendo que recorrer aos extremos para manterse polo menos relativamente preto no marcador.
Todo iso sen contar que un equipo con evidentes limitacións técnicas, foi capaz de deixar en evidencia os azuis, sempre a remolque no marcador, cunha máxima vantaxe de 4 goles para o Torrelavega, que empezou a crer na posibilidade da sorpresa.
Os últimos catro minutos antes do descanso foron todo un cúmulo de despropósitos. Cada ataque teucrista finalizaba en perda de balón sen chegar a lanzar e contraataque visitante, coa impotencia ou nerviosismo reflectido nunha absurda acción de Borja Pedreira que lle custa unha dobre exclusión, a primeira por lentitude de pernas, tendo que agarrar ao rival, e a segunda por protestar a decisión arbitral. Un 2+2 que deixa o Teucro sen posibilidade de enxugar a desvantaxe e a Quique Domínguez obrigado a intentar espertar os seus homes no vestiario.
As cousas tardaron en mellorar na segunda parte. A primeira liña seguía sen funcionar, pero o Teucro ten baixo paus dous porteiros capaces de achegar puntos por si sós. Outras veces foi Iago Gómez quen saíndo dende o banco fixo bo o xogo do equipo. Nesta ocasión a quenda foi para Ricardo Amérigo. Coas súas paradas o Teucro empezou a meterse no partido.
Malia fallar ata cinco lanzamentos de sete metros, detidos por un soberbio Jacob Melián, o duelo baixo paus inclinouse do lado azul, e con iso tamén o resultado final. Aínda que custou un mundo. Tanto que houbo que esperar ata os últimos dez minutos para ver como os locais por fin daban alcance o seu rival. Para iso foi fundamental un parcial de 7-1 entre os minutos 45 e 56, que deixaron o marcador nun 26-23 que permitía respirar a unha bancada que tamén xogou, e de que xeito, empurrando o equipo no seu día máis gris.
Unha inoportuna exclusión de Gonzalo Carró deu as últimas esperanzas aos visitantes, pero de novo Ricardo Amérigo, con dúas intervencións maxistrais en accións dun contra porteiro, impuxo a lóxica impedindo o que a punto estivo de ser a bomba do campionato.
SD TEUCRO (29): Iago Gómez; García Pichel (4), Gonzalo Carró (2), Carlos García (6, 3 de penalti), Borja Pedreira (1), Dani Hernández (3), Edu Moledo (4) -sete inicial-, Ricardo Amérigo (p.s.), Adrián Pumar (7, 1 de penalti), Marcos Dorado (1), Víctor Rodríguez, Iván Fernández (1) e José Carlos Ameijeiras.
BM TORRELAVEGA (26): Jacob Melián; Andrés Alonso, Eugenio González (3), Javier Peña (3), Alberto Pérez (1), Sergio Rodríguez (2), José Carlos Hernández (8, 2 de penalti) -sete inicial-, Luis de Vega (p.s.), Manuel Díaz, Gustavo Gil, Sergio Crespo, Guillermo Barbón (4), José Javier Abad (4) e Villalobos (1).
Árbitros: Daniel López Romero e Manuel Mohedano Fernández (Castela La Mancha). Descualificaron con vermello directo o adestrador visitante Diego Soto (minuto 58' 40"). Excluíron por dous minutos a Víctor Rodríguez, Borja Pedreira (2) e Gonzalo Carró, polo Teucro, e a Alberto Pérez, José Javier Abad, Javier Peña e Andrés Alonso, polo Torrelavega.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 5-6, 6-9, 10-11, 12-13, 13-16 (descanso), 15-20, 17-20, 19-22, 22-23, 24-23 e 29-26 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 600 espectadores.
Relacionadas:
-
O Academia Octavio tómase a revancha e supera o Teucro (34-29) no derbi
Por Redacción |
-
O Teucro busca recuperar o seu mellor nivel no derbi ante o Academia Octavio
Por Diego Espiño |
-
O Teucro pon un autocar a disposición dos seus seguidores para acudir a Vigo
Por Redacción |
-
Precaución teucrista ante a visita do pechacancelas Torrelavega
Por Diego Espiño |
-
As persoas que vaian disfrazadas ao próximo partido do Teucro entrarán gratis
Por Redacción |
-
Nin a caseira actuación arbitral frea un Teucro máis líder tras gañar (32-38) ao Maristas Algemesí
Por Redacción |