Campos, Romero e Vallejo logran praza para regatas internacionais no selectivo de Verducido
Por Redacción
Galicia asegurou a presenza de dez padexeiros nas competicións internacionais que se disputarán ao longo da tempada. Teresa Portela, André Oliveira, Ton Campos, Diego Romero, Ana Varela e Roi Rodríguez terán a oportunidade de competir no Campionato de Europa. Rubén Millán e Gabriel Pavón gañaron a súa praza para o Mundial sub-23, mentres Brais Casas e Sergio Vallejo estarán na Copa do Mundo. Galicia colocou a un total de 27 embarcacións nas finais do control selectivo que se disputou este sábado en Verducido.
André Oliveira, do Náutico de Firrete, dominou a proba de C-1 1000 metros. Gañouse a súa clasificación para o Campionato de Europa. Foi unha regata que tivo un notable protagonismo galego. Brais Casas, do Kaiak Tudense, foi segundo, mentres Sergio Vallejo (Poio Pescamar), rematou terceiro. Estes dous últimos poderán participar na Copa do Mundo que se disputará en Portugal.
Nesta modalidade tamén estaba inscrito David Cal. O padexeiro do Club de Mar Ría de Aldán manifestara a súa renuncia a participar no Campionato de Europa, pero estaba inscrito no control selectivo. Presentouse tarde á cita. Na semifinal que lle correspondía non saíu a competir por ese motivo. O resto de participantes si o fixeron. Non obstante, os xuíces decidiron anular esta proba cando se levaban disputados 700 metros, repescando a todos para a final e tamén a David Cal, que tomou parte no mesma por unha rúa exterior. Entrou segundo na meta, pero non figura como participante na clasificación oficial. O padexeiro de Cangas ten o seu obxectivo posto no Mundial de Milán.
Teresa Portela (Mar Ría de Aldán) dominou a súa semifinal e a final do K-1 500 metros. Era a súa primeira regata oficial despois de estar varios meses ausente da competición. Polo tanto, tamén ten a súa praza nesta distancia para o europeo. Non obstante, o próximo mes de marzo intentará conseguila para a distancia de 200 metros. Ana Varela (Kaiak Tudense), que é compoñente do equipo nacional, foi quinta, Tania Fernández (Fluvial de Lugo) rematou sétima e Carla Pérez Coya (Kaiak Tudense) foi oitava.
Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) cumpriron co prognóstico que lles colocaba como favoritos en C-2 1.000 metros. Superaron por tres segundos a José Luis Bouza e Adrián Sieiro, que foron segundos. Tono Campos e Diego Romero cumpriron o seu primeiro grande obxectivo para a presente tempada.
Roi Rodríguez (Kaiak Tudense) gañou dúas prazas para regatas internacionais. Para o Campionato de Europa en K-1 500 metros, pero tamén en K-1 1.000 metros en sub-23, neste caso para o Mundial. Xunto a el tamén a conquistaron para o Mundial Rubén Millán e Gabriel Campo, ambos os dous do Kaiak Tudense. Ana Varela (Kaiak Tudense) e Eva Barrios foron as mellores en K-2 1.000 metros.
O control selectivo que se disputou en Verducido é o primeiro na actual tempada e haberá varios ao longo dos próximos meses. Todos eles terán incidencia para confeccionar os equipos nacionais nas distintas distancias e categorías para o Campionato de Europa e tamén o Mundial. O primeiro deles disputarase na República Checa e o segundo en Milán (Italia).
Relacionadas:
-
David Cal retírase da competición
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro e Jacobo Lores logran praza para o Europeo no selectivo de Trasona
Por Redacción |
-
Verducido inaugura a tempada oficial de piragüismo co Campionato Galego de Inverno
Por Redacción |
-
Verducido acolle o primeiro control selectivo da tempada, clave para estar no próximo Mundial e Europeo
Por Redacción |
-
As regatas de piragüismo en Verducido suspendidas por mal tempo celebraranse os días 21 e 22
Por Redacción |